O PP lembra investimento pendente

Compartir

O Partido Popular rexistrou esta mañá a solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario centrado nos investimentos e compromisos pendentes do Estado na Coruña. Os populares aseguran que a súa celebración é «obrigada» por estar apoiado por máis dunha cuarta parte dos concelleiros do pleno e «ser un asunto de especial interese para a cidade».

Os edís Roberto Rodríguez e Martín Fernández Prado denunciaron o proxecto «discriminatorio» de orzamentos do Goberno de España presentado en 2019 e rexeitado «afortunadamente» no Congreso » a pesar do voto favorable dos deputados socialistas galegos e coruñeses». Os populares sinalan que «aquelas importantes reducións» orzamentarias desembocaron nunha «ausencia de recursos para necesidades ferroviarias como a ligazón co porto exterior de Punta Langosteira ou a mellora do tren entre a Coruña e Ferrol, ou entre a nosa cidade e Lugo». Tamén botan en falta que se incluíse a remodelación de Alfonso Molina, o Vial 18 ou a ampliación da Ponte da Pasaxe.

«A Coruña non pode esperar máis por uns investimentos que xa deberían de estar en execución ou finalizados», sinalan, lembrando que «a grande maioría» foran incluídos no proxecto dos Orzamentos de 2018 do Goberno Rajoy.

O PP critica que a alcaldesa, logo de nove meses, non se teña reunido «con ningún Ministro» para «esixirlles os investimentos e compromisos pendentes». Ademais denuncian que «tampouco convocou o pleno solicitado nunha moción de Marea Atlántica, apoiada polo PP». Lembran tamén a condonación de 300 millóns de euros do porto de Valencia, mentres que «o Goberno socialista discriminou» a Coruña, e as subidas da AP-9.

Por todo iso, o PP considera que é «o momento de reivindicar o que se nos debe porque cando o proxecto de Orzamentos estea listo será demasiado tarde». Defenden que o pleno extraordinario dotará de autoridade ás demandas do Concello en Madrid «coa fortaleza que dá o respaldo de toda a Corporación». Tamén se referiron a asuntos pendentes en Galicia como a rebaixa do prezo da electricidade para as empresas electrointensivas e a necesidade de que o Goberno español faga efectivo ás corporacións locais o ingreso do IVE de decembro de 2017.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *