Nadal solidario de Protección Civil

Compartir

O Concello, a proposta das e dos voluntarios da Agrupación de  Protección Civil, impulsa unha campaña de  recollida de alimentos, a través de doazóns particulares e de empresas, comunidades veciñais, asociacións e calquera entidade ou asociación que queira realizar unha achega.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil encargarase de recoller os alimentos nas propias empresas, sedes de entidades e edificios para trasladalos ao Banco de Alimentos.

Calquera colectivo, empresa ou entidade que queira facer unha doazón, pode reunir os alimentos e chamar aos teléfonos 649 456 389, 630 885 285 e 630 601 248 para concertar unha cita. Nese momento, as e os voluntarios de Protección Civil pasarán a recoller a mercadoría e levarana ao Banco de Alimentos.

Desta maneira preténdese garantir a continuidade da campaña de recollida de alimentos, reducindo o contacto e cumprindo con garantías as medidas de seguridade sanitarias.

A área de Seguridade Cidadá, que xa colaborou durante o confinamento na repartición de alimentos a través de Protección Civil, é sensible ante a grave situación pola que están pasando moitas familias coruñesas, e por iso deseñou esta alternativa para paliar o problema da recollida de comida, ofrecéndose a facer pequenos traslados «solidarios» ao Banco de Alimentos.

O Goberno local é consciente de que a crise económica e social derivada da pandemia está provocando unha situación de empobrecemento de moita xente, o que leva a que moitas persoas e familias se atopen con dificultades para conseguir alimentos. Con esta iniciativa preténdese minimizar esta situación. Así, as e os voluntarios achegaranse a recoller os alimentos doados a centros de traballo, comunidades de veciños, centros docentes (AMPAS), establecementos comerciais, mercados e supermercados así como noutros posibles locais, que poidan estaren abertos, en que se poidan entregar as doazóns para que sexan recollidas por Protección Civil.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *