Homenaxe a deportistas no Concello

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recibiron esta mañá no salón de plenos de María Pita o regatista Tony Ripoll, que a pasada fin de semana se proclamou en Cádiz campión absoluto de España da clase 420, o atleta Mauro Triana, ouro no Campionato de España na proba de relevo 4X100; e a atleta Carmen Sánchez, subcampioa na proba de xavelina.

A rexedora felicitou a deportista e os deportistas polos seus éxitos e destacou o compromiso do concello co mundo do deporte, un compromiso que se reflicte no feito de que o Goberno de Inés Rey sexa o primeiro na cidade que crea unha concellería dedicada exclusivamente ao deporte. «O deporte é un dos alicerces da nosa política, o deporte fai cidade», dixo Inés Rey, quen tamén quixo subliñar o papel decisivo que xogan as familias no triunfo duns deportistas que levan por todo o mundo o nome da cidade, que son protagonistas da marca Coruña. «Porque os valores do deporte son os valores dunha cidade que respira solidariedade, esforzo, compromiso e  ilusión por medrar» , finalizou a alcaldesa.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, deulles os parabéns aos tres deportistas, «a tres campións que dun xeito ou outro representan a esta cidade que se sente orgullosa deles». Martínez sinalou que o concello e a sociedade son conscientes das dificultades que están a ter o deporte e as/os deportistas nesta situación de incerteza que provoca a pandemia que estamos a vivir, o que fai, dixo, que estes triunfos que veñen de conseguir sexan aínda máis meritorios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *