‘Coruña Solidaria’ pon o foco no gasto social

Compartir

O Concello sacou músculo en gasto social coa visita da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, á Cociña Económica. Visita na que destacou que o plan de rescate deseñado polo Concello «Coruña Solidaria» supón un investimento de preto de tres millóns de euros destinados á veciñanza máis vulnerable. A edila engadiu que se aboaron «739 axudas de Emerxencia Social Municipal, un 295% máis que no mesmo período de 2019, en que se xestionaron 187 solicitudes desta índole».

A edila sinalou que, canto ao notable aumento nas solicitudes de axuda de emerxencia social, «desde a Concellería de Benestar Social damos resposta inmediata a todas as demandas que nos chegan para que ninguen na Coruña quede atrás. A nosa prioridade é destinar fondos e executalos cara as persoas máis vulnerables».

Neira tamén destacou a axuda das entidades sociais da cidade, «como Padre Rubinos, Cruz Vermella ou a Cociña Económica, entre outras, que desenvolven un labor existencial impagable e que contribúen a manter dentro do sistema as persoas máis vulnerables». Ademais, o Concello aumentou o orzamento para as axudas de emerxencia social a través das entidades sociais, Cruz Vermella e Padre Rubinos, en 300.000 euros.

Como resposta ás restricións á mobilidade en horario nocturno, o concello puxo en marcha un aloxamento municipal para 33 persoas que viven nas rúas da cidade. O obxectivo, aseguran desde Benestar Social, é ofrecer un lugar para durmir e de estancia diúrna, así como facilitar o aseo e a manutención para as ceas e almorzos. Tamén se lles realizarán controis de saúde e reforzarase a atención individualizada para superar problemáticas e carencias existentes nas persoas que se aloxen neste espazo, incluído un servizo de busca de aloxamentos alternativos a posteriori.

Por outra banda, no mes de outubro a Concellería de Benestar Social ten 246 rendas sociais activas, 22 máis que no mesmo mes de 2019. Todo apunta a que este ano será o que maior número de concesións se deron na historia da Renda Social Municipal.

Canto ao programa de acompañamento de persoas maiores, dentro de Coruña Acompaña, o Goberno local reforzou o investimento en 250.000 euros que se destinaron a Cáritas, Cruz Vermella e Renacer. Os tres convenios están tramitados e teñen unha expectativa de execución do 100% nos próximos meses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *