O Traballo Social homenaxeará a Concepción Arenal

Compartir

Poñer en valor a figura de de Concepción Arenal no aniversario dos 200 anos do seu nacemento polas súas «propostas humanitarias e civilizadoras, a súa crítica ao sistema establecido e ao poder e o seu reformismo social e feminista». Ese é o obxectivo da homenaxe que o Consejo General del Trabajo Social (CGTS) e o Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG) levarán a cabo o vindeiro venres 31 de xaneiro entre Ferrol e a Coruña.

O venres realizarase unha ofrenda floral ás 13 h00 nos Xardíns de Méndez Núñez coa asistencia de Eudoxia Neira Fernández (Concelleira de Igualdade, Benestar e Participación); Emiliana Vicente e Miriam Rodríguez, presidentas do CGTS e COTSG respectivamente. Pola tarde, a partir das cinco e media da tarde, no pazo de María Pita, desenvolverase un acto-homenaxe que, a modo de coloquio, convidará a debater sobre a vida e a figura de Concepción Arenal. Desenvolverase tamén un diálogo ao fío da presentación do libro Concepción Arenal. Reformadora moral y social desde la compasión coa participación do autor Francisco Idareta e da prologuista, Mª José Lacalzada Mateo. O evento estará amenizado coa música do Dúo Mersende e unha performance baseada en textos da homenaxeada a cargo de Natalia Ibáñez. Ademais, ao pleno do Concello de Ferrol será levada unha declaración institucional.

Desde o COTSG subliñan que Concepción Arenal “sentou as bases do traballo social”. A presidenta do traballo social galego resalta Arenal tiña como cualidade fundamental o seu “inconformismo”. Mostra disto foi a súa “determinación por ir á universidade porque ela quería saber, quería ser libre”.

Pola súa parte, a presidenta do CGTS considera necesario “rescatar a importancia do pensamento reformista, humanista e feminista de Concepción Arenal. A obra de Concepción Arenal é fundamental para a profesión porque o seu pensamento influíu ata o día de hoxe, non só nas traballadoras sociais,  tamén noutras disciplinas, proba diso é o pensamento de Clara Campoamor ou Victoria Kent sobre ela”. Afirma que “homenaxear a Concepción Arenal é unha débeda pendente, non só desde o Traballo Social senón desde todas as disciplinas sociais e humanas”.

Moi ligada á cidade da Coruña, onde hai distintos espazos e monumentos que a recordan e onde saíron do prelo varias das súas obras, Concepción Arenal (1820-1893) foi feminista, diplomada en dereito, xornalista e poetisa, globalmente considerada unha das máis importantes intelectuais do seu tempo. Foi a primeira muller que cursou estudos na universidade en España.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *