Piden máis apoio ás persoas con autismo

Compartir
Fotografía: Concello da Coruña

A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, mantiveron esta mañá unha reunión en María Pita coa presidenta de Aspanaes, M.ª José Álvarez Folgar, e coa directora xerenta desta asociación, María Teresa Tiemblo Marsal. A xuntanza tivo lugar no marco da relación entre a institución e a asociación -esta última, con catro décadas de traballo en relación co autismo-. Concello e Aspanaes manteñen un convenio de colaboración que a asociación cre cada vez máis necesario ante o crecemento da demanda das persoas con autismo.

María José Álvarez Folgar explicou que o obxectivo do encontro é «formularlle á Administración local a mellora deste convenio», ao entender que na actualidade queda curto. Para a presidenta de Aspanaes, «a demanda das persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista) aumentou moito», dado que «a prevalencia de nacementos de persoas con TEA creceu un 25% nos dous últimos anos».

En consecuencia, Aspanaes reclama apoio na atención a persoas con autismo, ademais de axuda económica para o seu proxecto dunha residencia en Eirís. Álvarez Folgar indicou que «estamos realmente desbordados», con casos de «mocidade de 16 anos que remata a escolarización» e queda sen praza. Neste sentido, a presidenta defendeu a creación desta residencia como «un desafogo para todos». Por último, valorou positivamente «crear sinerxías colaborativas» coas institucións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *