Arsenio xa é fillo da Coruña

Compartir
Arsenio Iglesias. Fotografía: Real Club Deportivo

O Pleno Municipal desta mañá acordou por unanimidade recoñecer como fillo adoptivo da Coruña ao antigo técnico e futbolista do Deportivo Arsenio Iglesias. Desta maneira, a cidade rende honores a unha das figuras máis senlleiras do deporte galego. A distinción contempla tamén a dedicatorio dunha rúa e da Cidade Deportiva da Torre. O RC Deportivo celebrou o nomeamento ao recoñecer a Iglesias como «o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo ao longo de 113 anos de historia» do equipo coruñés.

O nomeamento de Iglesias é resultado dunha iniciativa cidadá sustentada sobre máis dun milleiro de asinaturas, presentada á Comisión de Honras e Distincións do Concello, que accedeu o pasado día 10 a cumprir esta demanda.

Arsenio Iglesias naceu en Arteixo en 1930. É o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu na historia do Deportivo, con 566, e o técnico responsable da conquista da Copa do Rei en 1995. Durante máis de vinte e cinco anos estivo ligado directamente ao clube, tanto como xogador nas distintas filiais como no posto de adestrador e técnico. Dun xeito ou doutro, Iglesias estivo presente nunha quinta parte de todos os encontros do Deportivo dende 1910.

En 2005 encargouse de dirixir a Selección Galega xunto a Fernando Vázquez, no retorno do combinado galego ao campo logo de décadas. Figura querida e respectada no mundo do fútbol, a súa figura ten trascendido amplamente o espazo do deporte, como dá mostra o feito de que grupos coma os Diplomáticos de Monte Alto lle teñan dedicado algunha das súas composicións.







Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *