Un selo identificativo para a Lonxa da Coruña

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, o concelleiro de Turismo, Juan Borrego, a concelleira de Innovación, Industria e Emprego, Eva Acón, e a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, reuníronse esta mañá co presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, o vicepresidente da Lonxa da Coruña, Torcuato Teixeira, e outras persoas representantes da entidade, co fin de apoiar un selo distintivo que recoñeza e promova o produto descargado na nosa lonxa.

Na reunión abordáronse as principais liñas do borrador desta iniciativa, que está impulsada pola FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social) e que conta co apoio do Concello da Coruña ao asociarse a calidade do produto do sector pesqueiro coruñés coa marca da cidade.

Segundo a alcaldesa, quen tamén pertence ao patronato da FREMSS, «trátase dun distintivo que recoñecerá a calidade do produto descargado na Coruña, en sintonía con outros que atenden á gastronomía propia da zona, e que conta coa participación do propio sector pesqueiro», e «para materializalo será necesario que o peixe e o marisco da lonxa coruñesa sexa etiquetado con este distintivo na propia instalación portuaria». Ademais, Rey considera que «esta marca é importante para poñer en valor o noso produto e darlle un empuxe ao noso sector pesqueiro, un dos principais motores económicos da cidade».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *