Premio á Coruña que emprende

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey participou esta mañá na entrega dos Premios Emprende Coruña, da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), na súa XXI edición, que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de María Pita.

A rexedora destacou que a iniciativa do colectivo de distinguir as mellores ideas emprendedoras que afloran na provincia é clave «neste difícil contexto da pandemia da COVID-19 para valorarmos máis aínda a cultura emprendedora, polo seu potencial na xeración de riqueza, emprego e benestar social.» En nome da corporación, Rey recoñeceu «o encomiable labor de AJE para que moitas mozas e mozos inicien os seus proxectos empresariais deixando de lado os seus temores e dificultades. O camiño de emprender un proxecto até que se materializa non está exento de dificultades e sacrificios e recoñecer ese esforzo, que é o que á fin e ao cabo fan os premios Emprende Coruña».

Insistiu en que a colaboración coas pequenas e medianas empresas da cidade é vital para o seu éxito e «AJE serviulle durante moitos anos á mocidade para a aconsellar sobre a viabilidade e o crecemento de empresas». Rey espera contar coa asociación para o proxecto da Cidade das TIC, «un polo de atracción tecnolóxica», que lle dará acubillo a toda a industria 4.0, co que o colectivo realiza tan bo traballo.

Os premios abranguen dúas categorías e tres accésit cos que recoñecerán o labor destas empresas porque «condensan no seu traballo a tecnoloxía ao servizo doutras empresas e das persoas cun modelo de crecemento respectuoso e inclusivo.»

Distinguiuse co `Premio Iniciativa Emprendedora´ a empresa Bacos, especialista no negocio dixital, que axuda a grandes empresas a se reinventaren con produtos de alto impacto. Coa billa intelixente Tappy, fan posible a venda de cervexa de forma desatendida, en calquera lugar, o que revoluciona a venda tradicional.

Por outra banda, a entidade Kiwanda Labs foi a galardoada co `Premio Iniciativa Empresarial´ polo seu labor ao axudar a que as empresas poidan chegar máis lonxe, con menos recursos, ao resolver problemas de inventario, trazabilidade, seguridade e redución de diminucións, mediante o uso da tecnoloxía RFID.

A firma de bisutería Carmelamola, o sóftware de agricultura Osigris e a empresa Qaroní recibiron os tres accésits á responsabilidade social empresarial, internacionalización, creación de emprego e innovación.

Ademais da alcaldesa, ao acto tamén acudiron o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo e Miguel Miragaya, presidente de AJE A Coruña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *