Novas proteccións para os mercados municipais

Novas proteccións para os mercados municipais
Compartir

O Concello anunciou hoxe que, ao longo desta semana, entregará novo material de protección ás persoas que traballan nas prazas de abastos municipais «para garantir a súa saúde e a seguridade alimentaria». O anuncio foi feito pola propia alcaldesa, Inés Rey, durante a visita que esta mañá realizou ás vendedoras e vendedores dos mercados Eusebio da Garda e San Agustín. O novo material súmase así ás 200 pantallas, 3.200 máscaras e 2.500 luvas que o concello distribuiu en datas previas.  

Durante a visita, Rey comprobou que «se segue a traballar a pleno rendemento e que están abastecidos con todo tipo de alimentos», sinalou. Acompañada polo concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, a alcaldesa, que arrincou con esta a rolda de visitas a todos os establecementos da rede municipal que levará a cabo nos seguintes días, quixo destacar que os mercados «resisten bastante ben nesta situación de crise sanitaria». Fano, segundo a rexedora, porque «manteñen as súas vendas e incrementaron os seus servizos de venda en liña e repartimento a domicilio». É precisamente o repartimento no fogar, unha medida que xa comezaba a aplicarse nalgúns mercados antes da pandemia, a que está, en opinión da alcaldesa, mitigando o impacto do descenso de afluencia da clientela.  

Reactivación económica
Inés Rey aproveitou para defender que o Concello da Coruña está «a estudar todas as medidas de choque necesarias para reactivar a economía». Prometeu que estas se aplicarán «canto antes» para evitar cronificar a crise e as súas consecuencias.  

O Concello comprometeuse a implantar «actuacións complementarias» ás doutras administracións para debilitar o impacto do coronavirus na economía local. A súa intención, insisten, é axudar aos sectores produtivos «a sortear a crise».  Inés Rey puxo como exemplo o modificativo de crédito que se acordará con todas as forzas políticas. Os cambios nas partidas «non se basearán en decisións unilaterais do Goberno local senón que buscarán o maior consenso posible», prometeu.  

«Trátase dun labor de cidade, en que debemos traballar unidos», resaltou finalmente a alcaldesa. Anunciou tamén que o Concello está a valorar que partidas son menos urxentes e poden darse de baixa co obxectivo de dotar a outras de maior crédito. Estas debateranse na Comisión de Facenda a finais desta semana. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *