O mercado de Durmideiras terá un espazo polivalente para eventos

Compartir

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as obras de rehabilitación do mercado de Durmideiras, que deixarán a planta baixa como de compra-venda cun espazo para uso social no medio e coa planta alta «polivalente» para a que non están determinados os seus usos. No proxecto liberarase o espazo interior de ambas as plantas, de xeito que a de arriba quedará diáfana e apta para albergar eventos promovidos pola veciñanza. Na de abaixo, reorganizaranse o conxunto de postos e trasladaranse ao centro para que a fachada sexa totalmente aberta á rúa. O edificio acristalarase en todo o seu perímetro co fin de darlle unha maior visibilidade á actividade comercial.

Por outra parte, na xunta sacaron adiante unha nova convocatoria por parte de Benestar Social das bolsas comedor para o curso 2020-2021, en que as persoas solicitantes serán as e os escolares, polo que se comprobarán as débedas deles e non as dos seus proxenitores e nas que se aumentará a renda per cápita das persoas usuarias aos 7.000 euros. O gasto das axudas distribuirase en 450.000 euros, de setembro a novembro, con cargo ao orzamento actual para este ano e 1.050.000 euros, de decembro de 2020 a agosto de 2021, con cargo ás contas do ano que vén. De seguido, as bolsas publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña, na sede electrónica do concello e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Ademais, adxudicáronse varios dos lotes que forman parte do programa de itinerarios formativos de «Coruña Suma», o proxecto do Servizo Municipal de Emprego co que o Goberno local busca a inserción no mercado de persoas que teñen dificultades para conseguila, a través da activación e especialización nos sectores con máis saídas laborais. Dos novos lotes formativos, que se engloban dentro dun contrato valorado en 2.657.308,38 millóns de euros (IVA incluído) e que están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, encargaranse as empresas Siglo XXI Consultores de Formación, SL., Sararte, SL., e Norquality Consultores, SL.,.e abordarán distintas materias que atenden ás areas de Informática e a módulos transversais sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, desenvolvemento sustentable, novas tecnoloxías da información e á formación para a obtención do carné de manipulación de alimentos.

Tamén rexeitaron o recurso interposto pola Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria SA (SAREB) contra o acordo que tomou a Xunta de Goberno local en maio de 2019, en que se declarou a caducidade da licenza concedida a Promociones Isidro Paz, SL. para construír un edificio nas parcelas números 69-71 da Rolda de Nelle, números 4-6, 10-12, 14-16 da rúa Fátima e 32-34 e 38 da rúa Marabillas.

Na área de cultura, prorrogouse a concesión de dominio público sobre o local do Aquarium Finisterrae destinada á venda de obxectos e publicacións da Casa dos Peixes ás persoas visitantes e dentro do departamento de contratación, desistiron do procedemento aberto con diversos criterios de valoración suxeito á regulación harmonizada para contratar o servizo de apoio para a redacción dun instrumento de aproximación ás determinacións de planificación integrada e gobernanza territorial da Área Urbana da Coruña e da súa contorna metropolitana.

Así mesmo, acordouse a comparecencia en procedemento ordinario, promovido por FCC Medioambiente, SA e Ingeser Atlántica, SL UTE, contra a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia pola que se estiman os recursos especiais en materia de contratación interpostos pola UTE Copasa-Geseco-Setec Building e por CESPA, SA. contra a adxudicación do lote 2 da contratación dun servizo de conterización, recollida e transporte de residuos urbanos na cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *