Ata 17 empresas da Coruña concorren aos Premios PEL

Compartir

A cuarta edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial conta este ano con 17 candidaturas coruñesas dun total de 74 repartidas entre as cinco categorías do galardón, dotadas cada unha con 15.000 euros. O xurado destes premios anuais da Deputación da Coruña reuniuse hoxe na sede da institución provincial para avaliar as candidaturas presentadas.

Na segunda quincena de xuño coñecerase as entidades gañadoras. O obxectivo é recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia nun ano especialmente duro para esta.

Precisamente, debido a excepcionalidade da situación que estamos a vivir, a Deputación dedica esta edición unha das categorías do premio desta edición a recoñecer a aquelas iniciativas innovadoras que contribúan á loita contra a COVID-19.

As categorías inclúen Mellor Iniciativa Empresarial Nova, Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, a xa mencionada Mellor Iniciativa Innovadora na loita contra a COVID-19, Concello Promotor do Emprego de Calidade e Mellor Asociación Empresarial.

A meirande parte das 51 empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (17) e Santiago de Compostela (7). En canto aos concellos, concorren os de Ares, Boimorto, Brión, Cerceda, Irixoa, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vimianzo. No referente á quinta categoría, de mellor asociación empresarial, o concello de Santiago é o que presenta unha maior representación (3), seguido dos concellos de A Coruña (3) e Ferrol (2).

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destaca o sector servizos, especialmente as empresas dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como o comercio e os servizos de educación e formación, seguidos das actividades empresariais industriais e téxtiles. Nos vindeiros días establecerase a data do acto de entrega de trofeos no que se darán a coñecer as empresas, concello e asociación empresarial gañadores en cada categoría. Así mesmo, este evento propiciará o networking entre todas as entidades candidatas e contribuirá ao establecemento de relacións entre as mesmas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *