Un parque público e unha rampla para mellorar a accesibilidade na contorna da muralla

Un parque público e unha rampla para mellorar a accesibilidade na contorna da muralla
Compartir
O Concello recupera o proxecto para mellorar a accesibilidade na contorna da muralla da Coruña, detrás do hospital Abente y Lago, nun soar onde até o 2014 estaba o edificio de Sanidade Militar, sobre a estrutura da muralla e a súa porta de San Miguel. O proxecto comprende un parque público e a construción dunha rampla de baixada desde a rúa San Francisco e até a muralla. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, lembrou que desde a súa chegada a María Pita “levamos máis de 2 millóns de euros executados na Cidade Vella e hai previstos máis de 7 millóns de euros en obras neste mandato”.

O Goberno local mandou a licitación este proxecto, do arquitecto Fermín Blanco, que comprende un parque público e a construción dunha rampla de baixada desde a rúa San Francisco até a muralla. Un tramo da muralla, sinalou a rexedora, que é o mellor conservado e de máis extensión na cidade, chegando a acadar os oito metros de altura nalgúns puntos. Así, explicou, «un pequeno bosque de entrada no espazo servirá de reclamo desde o xardín de San Carlos». O novo parque, apuntou, «nace coa vocación de ser un espazo aberto para actividades que se realizarán na Fundación Luis Seoane para as e os máis pequenos e que están relacionadas coa arquitectura e o arte».

Rey indicou que esta actuación conta cun orzamento de 219.000 euros dos fondos de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da Cidade Vella e lembrou que se suma a outras intervencións acometidas no barrio como a Casa de Vedoría, a reurbanización da rúa Nosa Señora do Rosario, as de mellora do Parrote ou as obras previstas na rúa Cortadoría e no xardín de San Carlos. Recordou que, desde a súa chegada a María Pita, «levamos máis de 2 millóns de euros executados na Cidade Vella e hai previstos máis de 7 millóns de euros en obras neste mandato».