Tres altas de pacientes na Coruña, con 112 casos en Galicia

Compartir

Rexistráronse as primeiras altas de persoas infectadas polo coronavirus COVID-19 na oruña, con tres pacientes que abandonan o CHUAC. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización de hoxe, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascende a 112. Deles, 45 son da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, a partir de hoxe, informarase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados en Galicia.

Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 79 no domicilio.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 «só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus». Dende hoxe, o Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.

O departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.