Sogama tende a man á Coruña

Compartir

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, aproveitou unha visita de xornalistas onte á planta da sociedade para pór en valor o éxito da bonificación do 10% no canon do lixo que se aprobou o ano pasado para os concellos adscritos a esta entidade pública de tratamento de basura. Domínguez Lino felicitouse polo feito de que xa 224 concellos participan desta iniciativa, acadando un aforro notable na xestión de residuos e un aumento claro nos niveis de reciclado.

No mesmo encontro, Domínguez Lino convidou ao Concello da Coruña a xuntarse a Sogama. Este acordo foi frustrado anteriormente polas diferenzas sobre o prezo que custaría a xestión do lixo dunha cidade do tamaño da Coruña. Sogama conta con 295 concellos galegos adscritos, e a Coruña é a única das cidades que de momento queda fóra da entidade. A maior parte dos concellos da comarca coruñesa como Sada, Culleredo e Oleiros participan en Nostián xunto coa cidade. Desde decembro, esta última planta está directamente dirixida polo Goberno local.

A planta de Nostián viviu unha situación de inestabilidade durante os últimos tempos de xestión da empresa Albada. A Xunta vén de multar con 50.000 euros a esta última pola acumulación de lixo do verán pasado. Os desencontros entre Concello e empresa pola prórroga do contrato derivaron finalmente na intervención temporal ante a ameaza dun ERTE para case 40 empregados e a resposta dos traballadores cunha folga.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *