Sanidade pon en marcha unha batería de medidas contra o coronavirus

Compartir

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou esta tarde máis medidas adoptadas en Galicia no marco das actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19. Así, destacou a supresión das prácticas que se realicen en calquera centro sanitario de Galicia por parte de almnado procedente de graos de ciencias da saúde ou titulacións de ciclo formativo.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na actualidade, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia polo Centro Nacional de Mocrobioloxía ascende a 29, deles 22 son da área da Coruña, 1 na de Lugo, 1 na de Ourense, 1 na de Pontevedra e 4 na área de Vigo. Asi mesmo, están pendentes de confirmación polo Centro Nacional de Microbioloxía un total de 15 pacientes.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe en rolda de prensa que Galicia continúa cunha das taxas máis baixas de casos confirmados con 1,06 casos por 100.000 habitantes.

Medidas para a contención do COVI-19 nos vindeiros 15 días
A Xunta tamén acordou, de cara aos vindeiros 15 días, a celebración das actividades deportivas a porta pechada e a supresión do programa Xogalia; así mesmo, dependerá de cada Federación a suspensión de partidos ou outros eventos que consideren. A esta medida súmase a actuación xa anunciada onte de limitar o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados; e limitar o aforo ata 3.000 en recintos abertos.

A Copa do Rei e a Raíña de Hockey sobre patíns, que ía celebrarse do 19 ao 22 de marzo na Coruña, xa foi onte cancelada pola Real Federación Española de Patinaxe.

Almuiña tamén destacou que durante os vindeiros 15 días, potenciarase dende todas as áreas sanitarias as consultas telefónicas tanto en atención primaria como en especializada para diminuír afluencia aos centros sanitarios. O obxectivo é dobre, así dunha banda preténdese mobilizar o menos posible aos pacientes crónicos, revisando por parte das Xerencias qué paciente pode ser consultado telefónicamente ou cal debe acudir ao centro sanitario, e doutra banda diminuír a asistencia aos centros sanitarios para evitar contaxios e exposición ao virus.

061 para emerxencias e casos graves
Almuiña solicitou que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.