Rey: «É preciso un pacto de cidade polo Porto»

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe na toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, en que propuxo un pacto entre todas as administracións competentes para que A Coruña volva ser a cidade máis importante do noroeste peninsular: «É inaprazable afrontarmos os retos que supoñen a desafectación dos peiraos, o impulso do Porto Exterior e o futuro deseño da fachada marítima». Rey recomendou tratar estes proxectos tan decisivos para o futuro da Coruña «coas luces longas e os egos curtos» xa que transcenderán máis aló dos nosos respectivos mandatos. Neste aspecto, a rexedora sinalou a intención de deseñar unha fachada marítima aberta á cidadanía, ás persoas visitantes e á economía azul, «con espazos verdes referentes, calidade urbana, equipamentos públicos e actividade económica».

Para chegarmos á estación termo da nova Cidade-Porto, «debemos revisar os acordos de 2004 e, sobre todo, solucionarmos problemas financeiros e lograrmos a conexión ferroviaria con Langosteira». É por iso que desde o  Concello convocaron xa á Autoridade Portuaria, Portos do Estado, Xunta, Deputación Provincial e Adif para abordaren de forma conxunta os pasos a seguir de cara a avanzar nestas cuestións. Rey asegurou compartir con Fernández Prado a visión de traballaren xuntos pola cidade, logo de coincidir horas no salón de plenos «onde nos unía o desexo de impulsar A Coruña». Esta visión, engadiu, é a que debemos ter sempre presente á hora de xestionar os nosos respectivos ámbitos, chamados a se entenderen por razóns históricas, económicas e identitarias: «Se as institucións imos xuntas, A Coruña prosperará».

A alcaldesa recordou que dous milenios de historia común non cambiaron unha premisa básica como é que «a prosperidade económica da Coruña depende en gran medida de que o Porto siga mantendo a súa actividade mercantil, o seu nervio pesqueiro e o seu transporte marítimo». Ao acto asistiron tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado de Goberno, Javier Losada; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo; e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, entre outros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *