Reunión do GAU para analizar o conxunto dos proxectos EIDUS

Reunión do GAU para analizar o conxunto dos proxectos EIDUS
Compartir

O Concello da Coruña volveu reunir onte á tarde o Grupo de Acción e Participación Urbana (GAU) no Centro Cívico dos Mallos para analizar o conxunto dos proxectos EIDUS por valor de 18 millóns de euros, orientados a mellorar a cidade en diferentes aspectos. Desa cantidade, salientan, 10 millóns de euros xa están executados, licitados ou en execución. Na sesión de onte tamén se deu conta do grao de desenvolvemento da Axenda Urbana da Coruña e dos últimos acordos aos que chegou o Concello co Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para o levar a cabo o Plan Estratéxico de Acción Local da Coruña (PEAL).

Ademais do concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, quen destacou o alto volume de investimento executado e licitado, na reunión  de seguimento tamén participou a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, e Santiago Roura, director da Unidade de Xestión de EidusCoruña, así como reitor da UDC, Julio Abalde, representantes do polígono de A Grela, Confederación de Empresarios, federacións e asociacións de veciños/as, sindicatos, Autoridade Portuaria, Anpas e da área sanitaria.

O GAU é o órgano de consulta, participación e coordinación social da Estratexia EidusCoruña, que preside a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira. A súa creación acordouse en xullo do ano pasado. Entre as súas funcións está participar na realización dos informes de avaliación intermedia e final da Estratexia EidusCoruña e intervir na realización dos procesos de auditoría externa e interna que se levarán a cabo na implementación desta estratexia.