Repulsa social ante a morte violenta do mozo Samuel

Repulsa social ante a morte violenta do mozo Samuel
Compartir

A morte de Samuel Luiz Muñiz, de 24 anos, a mans dun grupo de persoas logo dunha brutal malleira na madrugada do sábado xerou unha grande indignación na Coruña e en todo o país durante a fin de semana. Ducias de veciños e veciñas acudiron á concentración convocada polo Concello esta mañá na praza de María Pita para gardar un minuto de silencio como mostra de condena e rexeitamento á violencia e para «expresar a dor pola morte do mozo Samuel». Esta tarde ás 20h, no mesmo espazo, terá lugar outra baixo o lema #XustizaParaSamuel e convocada por AvanteLGBT+ para amosar a repulsa ante o asasinato e reclamar a fin da lgbtfobia.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse esta mañá en María Pita coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para facer un seguimento da situación en que se atopa a investigación.   Todos os partidos políticos do Concello (PSOE, PP, Marea Atlántica e BNG, así como Podemos) amosaron a súa repulsa e dor ante estes feitos.

Polo de agora non se produciron detencións en relación con este suceso. Porén, si se tería identificado a varias persoas implicadas grazas ás declaracións de testemuñas, aínda que pouco ten trascendido da investigación oficial. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, chama á prudencia e non descarta o móbil homófobo do crime.

Diversos medios teñen reconstruído o acontecido con axuda de testemuñas e amizades do rapaz asasinado. Sábese así que o ataque se produciu en base a un malentendido por unha videochamada, que despois da primeira agresión houbo unha segunda máis numerosa e que a vítima foi insultada durante a malleira pola súa condición sexual.

De confirmarse un móbil homófobo, viría sumarse á agresión que apenas unha semana antes sufrira un matrimonio homosexual atacado cunha porra extensible, tamén na Coruña. O Ministerio do Interior vén observando un incremento continuado dos delitos de odio por orientación ou identidade sexual en España desde 2016. Entre ese ano e 2019 pasaron de rexistrarse 169 a 278 ataques anuais dos que se teña coñecemento, nunhas cifras que non amosan toda a dimensión do fenómeno.