Que restricións se aplican en Galicia?

Compartir

A Xunta clarificou onte as novas medidas no marco xeral do retorno de Galicia á fase 2 de alerta. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, establécense unha serie de medidas vixentes dende as 12 da pasada noite e durante os vindeiros catorce días naturais.
Os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento familiar ou social quedan reducidos a 5 persoas como máximo (agás convivintes). Recoméndase ás persoas maiores de 75 anos que eviten saír á rúa nas horas de maior concentración de persoas. Quedan prohibidos festas, verbenas e outros eventos populares.
A asistencia a lugares de culto non poderá superar o 50% da capacidade, e non poderán usarse o exterior dos edificios nin a vía pública. Nas cerimonias relixiosas deberán aplicarse as regras de capacidade para os lugares de culto. Nos velorios só se poden reunir 10 persoas en espazos pechados e 25 ao aire libre, sexan ou non conviventes. As comitivas de enterro quedan limitadas a un máximo de 25 persoas.
Tamén se limita ao 50% a ocupación dos establecementos de hostalaría, e ao 75% nas terrazas. Queda prohibido o consumo na barra. Non se permitirá o acceso de clientes a partir das 00.00 horas. Os hoteis e aloxamentos turísticos non poderán superar tampouco o 50% de ocupación nas zonas comúns.
Nos eventos en establecementos de restauración poderán participar ata 100 persoas se son ao aire libre e 50 en espazos pechados. Os establecementos comerciais non poderán superar o 50% da súa capacidade e deberán prestar atención preferente ás persoas maiores de 75 anos. As feiras non poderán superar o 50% dos postos, o que poderá compensarse ampliando o espazo ou fixando novos días de celebración.
As academias, autoescolas e centros privados poderán funcionar ao 50% da súa capacidade. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos, cines, teatros, auditorios e outros equipamentos culturais, tanto públicos coma privados, así coma os centros de lecer infantil, non poderán superar o 50% da súa capacidade. Os centros cívicos ou sociais poderán abrir ao 50% da súa capacidade e sempre que nas actividades grupais non se superen os 5 participantes.
A actividade deportiva non federada poderá practicarse sen contacto e en grupos dun máximo de 5 persoas, ademais do monitor, se é o caso. Nas piscinas limítase a ocupación máxima ao 50%.
A celebración de eventos deportivos, adestramentos e competicións deportivas poderá contar con público, sempre que non se supere o 50% e, en todo caso, as 60 persoas en lugares pechados e 150 ao aire libre.
Nas actividades de tempo libre deberá respectarse a organización en grupos dun máximo de 5 participantes. Nos parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre deberá respectarse unha ocupación de 1 persoa por cada 4 metros cadrados.

Situación da área da Coruña
A situación da comarca coruñesa é desigual. A Coruña e Culleredo seguen en laranxa no mapa de incidencia da Xunta (e 138 a 276 casos novos na cidade por semana e de 7 a 21 en Culleredo), mentres Arteixo, Laracha e Oleiros están en vermello (máis de 21 casos novos semanais). Sada está en amarelo (sete a catorce casos) e Cambre e Abegondo en verde (menos de sete casos).

Hai 47 persoas ingresadas no CHUAC, 7 delas en coidados intensivos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *