Proseguen as negociacións para o novo PRESCO

Proseguen as negociacións para o novo PRESCO
Compartir

A Comisión de Facenda reuniuse esta mañá para seguir avanzando cara un novo PRESCO consensuado. O novo plan de rescate avanza no seu deseño con achegas de de todos os grupos, salientou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

A comisión contou coa presenza da portavoz do PP, Rosa Gallego, da Marea Atlántica, María García, do BNG, Francisco Jorquera, e dos non adscritos, Isabel Faraldo.

Todas partes volverán reunirse o vindeiro xoves para afondar tanto na redacción definitiva do plan de rescate como na proposta de ampliación dos convenios nominativos coas entidades da cidade.

Á espera de que chegaren a un acordo final, o plan de rescate recolle xa axudas directas cunha contía única de 2.000 euros por autónomo e micropeme, axudas que se poderán solicitar só cunha declaración responsable para minorar os tempos de tramitación. Asemade, hai consenso para a reedición dos bonos de incentivo ao comercio e á hostalaría.

Lage Tuñas agradeceu as aportacións realizadas polas distintas forzas para enriquecer o texto e confía en que tanto o plan como a ampliación dos convenios nominativos poidan aprobarse ao longo de este mes para que entren en vigor no menor prazo posible.

Dende o BNG valoran os avances pero consideran que non son suficientes. “Continuamos a reclamar unha maior dotación orzamentaria”, reafirma o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, quen remarca que os 6,2 millóns de euros que pon o Goberno Local sobre a mesa representan «menos do 50% dos fondos que se aplicaron ao Presco 2020».

facenda

Pola súa banda, a Marea Atlántica urxiu ao goberno local a reforzar as axudas á creación de emprego e á cultura para pechar canto antes o novo Presco. «A proposta para as axudas á contratación é insuficiente», sinalan. «Cremos que deben chegar a 6.000 euros para financiar contratos con salario digno e polo menos 6 meses de duración», engaden. Valoran que o goberno «rectifique» e amose «inteción de recuperar os convenios vetados ilegalmente pola alcaldesa en febreiro: o terceiro sector está en primeira liña contra a crise e precisa axuda».