Pérez-Lema Avogados e Consultores lembra que o 30 de xullo pecha o prazo para reclamar as perdas nas accións do Banco Popular

Pérez-Lema Avogados e Consultores lembra que o 30 de xullo pecha o prazo para reclamar as perdas nas accións do Banco Popular
Compartir

O gabinete Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores está a facer unha campaña para recordar á xente que as persoas afectadas pola compra de accións de ampliación de capital do Banco Popular en 2016 dispoñen de prazo para reclamar as perdidas ata o 30 de xullo. O prazo orixinal, o 7 de xuño, ampliouse por motivo da pandemia. Despois desa data, as persoas que non reclamaran perderán o seu capital investido sen posibilidade de volta.

A ampliación de capital levada a cabo en 2016, por valor de 2.500 millóns de euros, non impediu a intervención do Banco Popular por parte da XUR (Xunta Única de Resolución) europea o 6 de xuño de 2017. O expresidente do Popular, Emilio Saracho, recoñeceu na Audiencia Nacional que houbo instrucións para intentar vender as accións entre os clientes da entidade. Accións que perderon todo o seu valor co cambio de propiedade do Banco, que foi comprado polo Banco Santander en 2017, polo que as persoas que invertiron cartos nesa operación, enganadas e mal informadas, perderon todo o seu diñeiro.

Desde o despacho de Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores preparan unha demanda da nulidade da compra, demostrando que os clientes do banco non contaban con información veraz e completa. Unha situación que, afirman, afecta a milleiros de persoas, e que aínda dispoñen dunhas semanas para solucionar.