Os partidos coruñeses aparcan as diferenzas

Compartir

A Xunta de Voceiros municipais reuniu hoxe aos representantes de todos os partidos políticos no Concello. A xuntanza serviu para pór ao día as últimas medidas acordadas contra o avance do coronavirus na cidade. Neste aspecto, estableceuse unha periodicidade para esta xunta de dúas veces á semana, os luns e os xoves.

No encontro, abordáronse todas as determinacións tomadas estes días, como a suspensión do servizo da ORA, a gratuidade do aparcadoiro do Materno Infantil-Oncolóxico para persoal dos centros e persoas usuarias ou a creación dun equipo de voluntariado de máis de 500 persoas que atenden desde o luns as demandas da veciñanza máis vulnerable.

Tamén se informou das reunións mantidas entre o CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa da Administración Local) e o PMA (Posto de Mando Avanzado) e as casuísticas que xurdiron ao longo destas xornadas e ás que desde este centro lles deron saída con urxencia. O CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa da Administración Local) está dirixido por Inés Rey en consenso co responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e varios concelleiros e establece varios elementos de coordinación co fin de solventar as urxencias provocadas polo avance da enfermidade.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a actitude «construtiva» de todas e todos os voceiros, que achegaron suxestións para temas como o das persoas sen teito, a atención a domicilio, o control das colas nos comedores sociais ou as mulleres que están sufrindo violencia de xénero nos seus domicilios: «Recollemos todas as medidas e explicamos as dúbidas que formularon». Pola súa parte, os representantes puxéronse ao dispor do Goberno local tamén no que se refire á difusión do acordado.

No transcurso da xunta, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, remarcou a necesidade de asegurar equipos de protección individual ao persoal do Concello exposto ao público, así como a necesidade dun reforzo de servizos como o 010, a atención ao domicilio e as bolsas comedor para nenas e nenos. Ao mesmo tempo, o nacionalista defendeu estudar un paquete de medidas para enfrontar «as secuelas sociais e económicas que xa se están a derivar da crise do coronavirus». «Fáganse as reformas lexislativas precisas para que desde os concellos se poda activar un plano ambicioso e facer fronte así ás consecuencias económicas e sociais desta emerxencia sanitaria», indicou.

Pola súa banda, o PP propuxo na xuntanza «axilizar o superávit municipal de 2019 para gasto social», a través de axudas para conciliación en familias con menores ou dependentes. Tamén pediron incrementar a partida de emerxencia social. Os populares propuxeron unha liña de axudas para o alugueiro de vivenda habitual e de locais para traballadores por conta allea, autónomos e pemes, ao entender que se atopan excluídas nas axudas do Estado. Así mesmo, reclamaron «maior celeridade» no pagamento de facturas, convenios e subvencións a empresas, autónomos e colectivos.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *