Os bonos do PRESCO chegaron a 20.000 persoas

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que un total de 20.600 persoas déronse de alta na web www.presco.gal para descargarse algún dos tres tipos de bonos do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO) e que o número de descargas da app por parte das e dos comerciantes ascende a 2.000.

Rey destacou que as axudas habilitadas a través dos bonos, únicas en España pola súa contía de 1,6 millóns de euros, están a ter unha gran acollida na cidade e nos sectores que poden facer uso delas. Os negocios adscritos poden facturar mediante os bonos un total de 3.000 euros por cada establecemento, salvo no sector cultural, no que a cantidade ascende a 5.000 euros. Xa hai 10 pequenos comercios na cidade que chegaron á cantidade máxima.

 «O concello está preto da xente. Puxemos en marcha esta iniciativa pioneira para incentivar a actividade económica no pequeno comercio, na hostalería e no sector cultural da cidade pola que cada cidadán recibe 105 euros para poder gastalos en hostalería, comercio ou produtos culturais», dixo a rexedora.

E lembrou que o concello destinou máis de 13 millóns de euros a reactivar a economía, «porque sabiamos que era o momento de estar preto da xente e das súas necesidades».

Neste senso, sinalou que na liña de axudas do PRESCO ás persoas autónomas presentaron 3.827 solicitudes por valor de 12 millóns de euros. «A Coruña foi a primeira cidade de Galicia en dar unha resposta aos efectos económicos e sociais da pandemia asumindo a necesidade de responder independentemente das nosas competencias», dixo a alcaldesa.

Ademais, o concello destina 300.000 euros ao programa de actividades culturais. «A cultura foi unha vía de escape durante o confinamento e agora hai que lles devolver todo os que nos deron», sinalou Inés Rey.

De feito, onte arrincou este programa nas rúas da cidade, que inclúe 140 actuacións de grupos, artistas e compañías locais danza, humor, música, teatro, e infantís que terán lugar ata 29 de novembro  nas principais prazas da Coruña.

Tamén se presentaron un total de 71 proxectos á convocatoria de Bolsas de Creación Artística con axudas de ata 5.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *