O Sergas avisará aos pacientes se suspende a súa cita

Compartir
Medico, Tomografo, Estudio, Hospital, Inyección

O Sergas anunciou que, co obxectivo de «garantir a protección da poboación fronte ao coronavirus e preservar os recursos sanitarios dispoñibles» na actual situación de emerxencia sanitaria, poderá reprogramar citas «co obxecto de facer fronte ás necesidades prioritarias». O anuncio do Sergas significa que as citas non urxentes en atención primaria e hospitalaria, así como as probas diagnósticas que tampouco revistan especial urxencia, poderán ser adiadas a través dun aviso dirixido ao paciente. Dado que esa comunicación será individual, o servizo de saúde lembra que «se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, mantense a cita que xa ten».

Esta decisión do Sergas permite suspender ou aprazar a actividade cirúrxica programada, coa excepción de patoloxías recollidas no Decreto 105/2017 sobre tempos máximos de espera. Aquelas consultas e probas non preferentes tamén poderán ser adiadas ou substituídas por modalidades que non requiran atención presencial. Quedan tamén suspendidos todos os programas de cribado, pero non así as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo. Pola súa banda, o calendario de vacinación infantil mantense.

Consulta telefónica
O servizo galego de saúde apostará pola consulta telefónica sempre que sexa posible para evitar a presenza de moitas persoas en centros sanitarios. Empregará tamén procedementos de atención domiciliaria. As medidas buscan frear a capacidade de contaxio do coronavirus.

As modificacións realizadas serán comunicadas individualmente aos pacientes. Cambiaranse á modalidade telefónica todas aquelas citas que sexa posible, de forma progresiva. Os profesionais de atención primaria e hospitalaria identificarán aos pacientes fráxiles ou máis vulnerables. Se é posible, estes pacientes serán atendidos mediante modalidade de atención non presencial, mediante consulta telefónica ou teleseguimento.

O Sergas establecerá o teletraballo a todos os profesionais que poidan realizar esta variante.

Medicamentos a domicilio
A Consellería de Sanidade permitirá ás farmacias dispensar a domicilio medicamentos en zonas rurais illadas, e a dependentes e enfermos crónicos independentemente de onde residan. Tamén se permitirá a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios dos pacientes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *