O remanente económico do Concello pagará facturas pendentes e sentenzas xudiciais

Compartir

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, trasladáronlles aos grupos da Corporación, na Xunta de Voceiros, a conta da liquidación do ano 2019. Segundo explicou Lage Tuñas, o remanente do concello ascende a máis de 14,5 millóns de euros que terán que seren destinados, por obriga legal, a pagar as sentenzas xudiciais firmes e as facturas pendentes de exercicios anteriores.

Neste senso, é importante destacar que as sentenzas xudiciais lle estaban a supor ao concello un pago de xuros anuais dun 3%, «unha sangría económica ano a ano», segundo o voceiro do grupo de goberno. Lage lembra que no pasado mes de novembro o concello buscou unha solución para non cargar as sentenzas nos orzamentos municipais e o Ministerio de Facenda autorizou a incorporación destas como obrigas recoñecidas de pago na conta 413. Desde xeito, tanto o superávit municipal como o remanente líquido de tesourería teñen que se destinaren, case na súa totalidade, a saldar estas obrigas.

O remanente de tesourería municipal en 2019 ascendeu a 14.581.686,93 euros e un superávit de 3.662.503,48 euros. E, a conta 413, de obrigas recoñecidas, ascendía a 15.916.125 euros. Lage lembra que até o 6 de abril saldáronse 1.335.604 euros desta conta de obrigas recoñecidas.

Facenda
Pola súa banda, Inés Rey, sinalou que o Goberno local está estudando unha serie de medidas para facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia do coronavirus COVID-19. Asegura que a Comisión de Facenda estudará a reorientación do orzamento municipal e destaca a boa disposición de todos os grupos para atoparen un «mínimo denominador común de propostas». Co fin de poñer en marcha estas medidas o concello está estudando o impacto económico da crise nas arcas públicas para dirixir os recursos existentes a cumprir cos obxectivos sinalados que son protexer as e os máis vulnerables e dinamizar ao máximo a economía local. «Temos que atopar entre todas as forzas un consenso nas medidas que se vaian adoptar para reorientar o orzamento, e acadaremos unha proposta común co maior grao de acordo posible».

Durante a xuntanza, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, propuxo que o Goberno local negocie con operadores de Internet para dotar a cidade de wifi gratuíto, «a única forma de salvar a fenda dixital durante o confinamento». A proposta do Bloque «é esencial para salvarmos a fenda dixital e para que efectivamente ninguén fique atrás, nomeadamente no acceso ao ensino», defendeu Jorquera. O portavoz nacionalista propuxo tamén que se estableza unha quita do 100 por 100 para os alugueres das vivendas municipais durante no mínimo 4 meses ao tempo que pediu que, unha vez que se levante a suspensión de prazos, se axilice a tramitación de convenios e subvencións ás entidades sociais.

O PP volveu pedir axudas municiais para pemes e autónomos, poñendo o exemplo de concellos como Ferrol, Arteixo, Lugo ou Ourense, «que con menos recursos que o coruñés xa aprobaron medidas de reactivación económica», salientaron. Para os populares, é necesartio que haxa este tipo de iniciativas «tanto agora como tras o estado de alarma», incluíndo «ofrecer liquidez directa, axudas para alugueiros e sufragar a cota de autónomos». O PP solicitou ademais iniciar axiña a tramitación administrativa para activar esta primeira fase, «que se complementaría cunha segunda en función da demanda e da dispoñibilidade económica municipal». Pediron tamén impulsar a programación de obrigas municipais previstas para este ano «e as que se poidan incorporar».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *