O PP, polo investimento pendente do Estado

Compartir

O Partido Popular anunciou hoxe que levará a pleno a licitación dos investimentos pendentes para a cidade no presente ano. Deste xeito, o Grupo Popular presentará unha moción que inste a licitar durante 2020 varios proxectos de calado. O pleno municipal do día 16 será o escenario escollido polos populares para reclamar avanzos na remodelación de Alfonso Molina, así como na ampliación da Ponte da pasaxe, na intermodal ou na ligazón ferroviaria co porto exterior ou na rexeneración da ría do Burgo, entre outros asuntos.

Segundo o Partido Popular, estas actuacións arrastran unha demora que non atopan xustificada «tras o impulso que recibiron polo Goberno do Estado» presidido no seu día por Mariano Rajoy, que as incluíu no proxecto orzamentario de 2018. Os populares denuncian que «foron paralizadas ou retrasadas polo Goberno de Marea e polo de Sánchez, que as excluíu do proxecto de orzamento para 2019, rexeitado polo Congreso».

Do mesmo modo, o PP reivindica que durante 2020 se «recollan as actuacións necesarias para a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Portos do Estado». Sinalan unha «discriminación» en relación coa situación de Valencia. Os populares tamén reclaman unha actuación gobernamental destinada a evitar os «incrementos extraordinarios» nas tarifas da AP-9, suxerindo unha bonificación na peaxe para os usuarios que diariamente fagan viaxes de ida e volta.

Pola mellora da accesibilidade
A segunda moción a pleno do Partido Popular reclama ao Concello retomar o Plano de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos, de forma que se retome un proxecto da etapa de Carlos Negreira, cando se instalaron elevadores na vía pública nas rúas Troncoso e Ramón Cabanillas, así como escaleiras mecánicas nas rúas Mastro Clavé e San Agustín. Os populares lamentan que o posterior goberno de Xulio Ferreiro optase por «non seguir con estas medidas para mellorar a accesibilidade nos puntos que presentan máis dificultades para a mobilidade peonil». Sinalan que o goberno de Carlos Negreira deixou elaboradas 18 posibles actuacións, hoxe aparcadas «a pesar das peticións de veciños de barrios coma os Castros, a gaiteira, Castrillón ou Monte Alto».

Rogo sobre a repatriación do corpo de Diego Bello Lafuente
O Partido Popular levará a pleno un rogo para que o Concello siga atentamente as xestións do Goberno central para repatriar á maior brevidade o corpo do mozo coruñés Diego Bello Lafuente, morto a mans da policía filipina nun incidente que unha semana despois continúa sen ser convenientemente aclarado. É por iso que os pupulares reclaman tamén do Goberno español «pedir explicacións» pola actuación policial, «esclarecer os feitos» acontecidos e «protexer as testemuñas españolas dos feitos».


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *