Suspenso en mobilidade, di o PP

Compartir

«É imposible acabar coa dobre fila a base de cámaras», sinalou esta mañá o concelleiro do PP e presidente da Comisión de Mobilidade, Antonio Deus, logo da comisión municipal. Na xuntanza, o concelleiro de Mobilidade do Goberno local, Juan Díaz Villoslada, revelara a intención do Concello de incrementar o número de cámaras destinadas ao control da dobre fila. Para os populares, isto evidencia «o fracaso da campaña municipal» sobre o asunto. O Partido Popular defende ofrecer «alternativas de aparcamento aos condutores» para acabar co fenómeno.

Os populares aproveitaron a Comisión para criticar tamén outra iniciativa municipal, implementada orixinalmente pola Marea Atlántica, como foi a peonalización da Cidade Vella. Argumentan que o proxecto non foi efectivo e fanse eco das «protestas veciñais polo caótico tráfico existente no casco antigo» e o «acceso ao mesmo de vehículos que non contan co necesario distintivo». Antonio Deus sinalou a este respecto que se trata dunha peonalización impulsada «por motivos electorais» e resultou «fallida e perigosa».

Por último, o PP tamén se posicionou sobre a constitución o vindeiro 29 de xaneiro dunha Mesa de Mobilidade anunciada polo Concello coa presenza de axentes sociais. «Non toleraremos que se use esa mesa para diluir as responsabilidades do Goberno, que é quen ten as competencias e quen debe exercelas» sinalou Deus, que acusou ao executivo socialista de intentar restar protagonismo á Comisión de Mobilidade por atoparse esta última presidida pola PP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *