O IES Calvo Sotelo acollerá aloxamentos para persoal sanitario

Compartir
A Deputación, o Concello da Coruña e a UDC poñen ao dispor da Área Sanitaria da Coruña a Residencia Universitaria “Elvira Bao”

A Deputación, a Universidade e o Concello da Coruña acordan acondicionar as instalacións da residencia universitaria Elvira Bao, no IES Calvo Sotelo, para o cadro de persoal da Área Sanitaria da Coruña, logo de que a alcaldesa Inés Rey visitase, xunto co presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o xerente do complexo hospitalario coruñés, Luís Verde, a dita infraestrutura este pasado luns.

A rexedora destacou o consenso que se logrou entre as tres institucións co fin de combateren a pandemia dándolle un uso ao edificio de residencia temporal para as e os profesionais do CHUAC que, polas súa situación familiar ou persoal, precisen dun aloxamento alternativo mentres dure a crise sanitaria. Deste xeito, estarán máis tranquilas/os e poderán diminuír a súa carga emocional derivada do que están a vivir, sobre todo, aquelas/es que traballan en primeira liña.

A Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña-Cee xestionou a unidade e contactou coas persoas que precisan apoio para coñecer as súas necesidades e coordinar esta acción dun xeito óptimo.

Unha parte do inmoble está sendo usada xa como base satélite para os Bombeiros despois de que a Deputación lla cedese ao concello, polo que as autoridades decidiron que, co obxecto de minimizar os riscos, o persoal sanitario se localizará preferentemente na Residencia Elvira Bao, que conta con accesos de entrada e saída propios.

As persoas aloxadas terán ao seu dispor un total de 60 habitacións (58 dobres e dúas adaptadas para persoas con mobilidade reducida), que serán ocupadas de xeito individual. As primeiras persoas usuarias da residencia incorporaranse mañá xoves, 2 de abril. A Deputación da Coruña contratará ademais un servizo limpeza e outro de cátering, que se encargará de lle subministrar cada día o almorzo e a cea ao persoal médico e de enfermaría que pase alí estas semanas. A UDC ofrecerá un servizo de lavandería e Inditex achegará a roupa de cama das habitacións.

Un total de 66 persoas da área sanitaria informáronse sobre esta iniciativa, á que se acollerán 30 profesionais nos vindeiros días.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *