Récord de investimento no PRESCO

Compartir
Los bonos PRESCO amplían desde el lunes hasta el 50% los descuentos en el pequeño comercio, hostelería y cultura

Achégase a recta final do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), a iniciativa coa que o Concello tentou saír ao paso do impacto da COVID-19 sobre a cidade. O executivo local botou hoxe a vista atrás para salientar que a 16 de decembro o plan supera un 75% de execución, con máis de 10 millóns de euros sobre os 13 orzamentados. O Concello prorrogou o peche do plan ata fins de xaneiro «para evitar que ninguén quede fóra e se poidan presentar facturas e trámites ata entón».

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, quixo destacar hoxe que “ningún outro concello» investiu tanto «no rescate do seu tecido social e produtivo”. O PRESCO suma 1499 axudas directas ás ordes de pago, por case 4 millóns de euros. As transferencias xa confirmadas chegan aos 1,2 millóns de euros.

Nos distintos plans de bonos para incentivar o consumo, son 963 os establecementos adheridos e suman 46.364 os particulares que teñen descargado bonos. Ata o momento canxeáronse bonos por valor de 687.950 euros. Hoxe mesmo entrou en vigor a segunda ampliación de contías máximas por negocio tanto no pequeno comercio como en cultura, chegando a 10.000 e 15.000 euros por establecemento respectivamente.

Un sector onde o PRESCO xa se executou integramente é o da promoción cultural -134 actuacións, con 280 artistas e técnicos contrados-. Igualmente, atópanse en proceso de pagamento as 38 bolsas de creación artística -ata 180.000 euros- para artistas coruñeses.

Dende marzo, segundo explicou o edil, o Concello leva investidos 1,8 millóns de euros por riba do inicialmente orzamentado para atender as necesidades sociais causadas pola pandemia. Para solucións habitacionais para persoas sen fogar -Riazor e aluguer de hostais durante o confinamento- investiu medio millón de euros. Tamén se levaron a cabo programas de canguraxe e conciliación para 400 familias. En emprego, o Concello salienta 50 accións formativas que chegaron a máis de 3.600 persoas.

Lage Tuñas considera que o PRESCO, que foi un proxecto unánime na corporación, «púxose en marcha nun tempo récord» e foi «un programa pioneiro en España». Para o edil, «está a demostrar que é unha ferramenta excepcional para contribuír á recuperación económica e social da cidade”.

O concelleiro de Economía e portavoz do Goberno puxo en valor a ampliación dos límites nos bonos de axuda «polo bo funcionamento da medida». O edil comprometeuse a que esta experiencia servirá como base para un segundo plan o vindeiro ano. «O PRESCO permitiunos axudar a miles de autónomos e pequenas empresas, amén nos permitiu coñecer que medidas son máis efectivas e que procedementos son máis áxiles», asegurou. Este coñecemento será «eesencial» para que ese segundo plan sexa «aínda máis efectivo», engadiu Lage Tuñas.

O edil compareceu na Comisión de Economía e Facenda para dar conta da execución do PRESCO e para comezar o deseño do segundo plan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *