O Goberno central confirma a conexión a Langosteira

Compartir

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey celebra o anuncio realizado hoxe polo ministro de Transportes, José Luis Ábalos, de abordar desde o ministerio a construción do enlace ferroviario con Punta Langosteira, que xa avanzou a propia alcaldesa no cumio do 23F.

 O ministerio asumirá a execución desa infraestrutura imprescindible para a plena operatividade do porto exterior e para permitir a integración dos peiraos liberados na Coruña dentro da malla urbana. 

O anuncio do ministro prodúcese dúas semanas despois do cumio realizado en María Pita, convocado pola alcaldesa, para desbloquear a situación do porto entre todas as administracións implicadas nese proxecto. A ese encontro acudiron tamén tres altos cargos do Ministerio de Transportes, e del saíu o compromiso público do ministerio de buscar fondos europeos para a construción do enlace ferroviario. A propia Inés Rey garantiu o pasado mes de febreiro a construción do ferrocarril, confirmada agora por Ábalos.A rexedora agradeceu o compromiso do ministro e do Goberno de España coa cidade. «Ningún Goberno ata agora achegou solucións definitivas para rematar a obra de Langosteira e a integración dos peiraos, faino o de Pedro Sánchez», indicou Inés Rey. Ademais do tren, no cumio de María Pita ofreceuse tamén unha solución inmediata para resolver os problemas financeiros da Autoridade Portuaria da Coruña, e del saíu tamén a ratificación de que todas as partes consideran obsoletos os convenios do 2004 e o compromiso de contar cun documento novo no prazo de seis meses para redefinir a folla de ruta da integración dos peiraos. 

O cumio do 23F foi a primeira cita en 18 anos das administracións implicadas no plan do porto, cita convocada por Inés Rey para desbloquear unha situación complexa. O anuncio do ministro confirma o primeiro grande avance froito dos compromisos adquiridos nese encontro. O Goberno municipal seguirá a traballar para acadar unha solución para os peiraos e para convertelos nunha parte máis da cidade accesible a todos os coruñeses e coruñesas. 

A alcaldesa agarda que tanto Xunta como Autoridade Portuaria se sumen á busca da dita solución, antepoñendo os intereses da cidadanía por enriba de calquera outra consideración: «É a única forma de desbloquear a situación e de converter o traslado da actividade industrial ao porto exterior nunha grande oportunidade para esta cidade, oportunidade posposta durante anos e que nós temos o compromiso de reactivar, como xa quedou claro no cumio do 23F», indicou Inés Rey.

Nas vindeiras semanas constituirase a comisión encargada das futuras negociacións para chegar a un documento que substitúa os convenios do 2004, paso imprescindible para permitir a liberación dos peiraos e a posta en marcha da integración da fachada marítima.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *