O curso arrincou con ‘nova normalidade’ nos centros da Deputación

Compartir

Máis de 800 alumnas e alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional incorpóranse a partir de hoxe ás clases nos centros educativos dependentes da Deputación na cidade da Coruña: o IES Calvo Sotelo e o IES Puga Ramón.

Tanto no Calvo Sotelo coma no Puga Ramón o inicio de curso realízase de forma escalonada, coa incorporación progresiva de distintos grupos ao longo desta semana aos que o profesorado explica con detalle as normas e protocolos sanitarios cos que se busca garantir a maior seguridade para a comunidade educativa.

A ampliación do cadro de profesores, o reforzo dos servizos de limpeza e desinfección e a ampliación de horarios para garantir sempre un ratio inferior aos 25 alumnos por clase son algunhas das principais medidas tomadas, ás que se suman outras como a instalación de mamparas, a posta a disposición de xeles desinfectantes e a sinalización de espazos para garantir distancias.

No caso concreto do IES Calvo Sotelo o protocolo inclúe o reforzo do servizo de limpeza para levar a cabo varias desinfeccións diarias de todos os espazos do centro. Como medidas de protección instaláronse mamparas de separación nos talleres e o ratio non superará en ningún momento os 22 alumnos por aula. Para conseguir isto último, estableceuse unha ampliación de horarios polas tardes o que permite unha distribución máis segura do alumnado. Ademais, haberá horarios de entradas e saídas por grupos, algo que tamén se fará nos recreos.

A residencia de estudantes IES Calvo Sotelo tamén contará co seu propio protocolo, controlándose a temperatura dos residentes 3 veces ao día e habilitando 3 habitacións para posibles illamentos preventivos. No caso do comedor, a comida servirase envasada individualmente e separarase ao alumnado residente co de media pensión en diferentes zonas.

Para o IES Puga Ramón, que é o centro con maior alumnado (uns 450 alumnos divididos en 19 grupos entre a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato), contratáronse tres docentes máis para reducir o ratio recomendado pola Xunta de Galicia e rebaixando así de 25 o número de alumnos e alumnas por clase. Intensifícase tamén o servizo de limpeza para lograr unha correcta desinfección dos espazos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *