O Concello prepara medidas fiscais para paliar a crise económica

Compartir

A Xunta de Voceiros reuniuse de novo esta mañá no Concello para debater propostas de axuda para a economía locla logo do impacto derivado da crise sanitaria do COVID-19. O concello está estudando, tal e como o expresou o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, «futuras medidas de cara a paliar as consecuencias do parón nas arcas municipais e para tratar de destinar os máximos recursos á veciñanza máis vulnerable». 

Os representantes das distintas forzas políticas analizaron posibles políticas de investimento para que os sectores que moven a economía da cidade poidan retomar a súa actividade. Acordaron facer un exame previo do impacto da crise nos ingresos municipais e avaliar que partidas orzamentarias poden ser aprazadas para o exercicio 2021 e cales poden ser eventualmente reforzadas. Neste sentido, barallan aprobar novas medidas fiscais que afasten do perigo as persoas en risco de exclusión social. Ademais, a alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro municipal, José Manuel Lage, informaron das novidades con respecto á situación de confinamento e mais da evolución dos servizos que o concello ten en marchar para lle dar cobertura á cidadanía.

O Concello proporcionou, a petición do BNG, máscaras aos traballadores do servizo de limpeza viaria e operarios que varren as rúas da cidade e que baleiran as papeleiras por tratarse de persoal moi exposto no seu labor. Pola súa banda, o PP reclamou novamente liquidez directa para autónomos e pequenas e medianas empresas, así como axudas ao alugueiro de locais durante o estado de alarma ampliables logo do mesmo, e sufragar a cota de autónomo mínima durante un mínimo de dous meses, ao entender insuficiente a medida estatal de aprazamento sen anulación. Os populares instaron a «iniciar á maior brevidade as tramitacións administrativas, co consenso de todos os grupos, das modificacións orzamentarias para activar estas medidas». Pola súa banda, a voceira da Marea Atlántica, María García, instou ao goberno municipal a convocar canto antes as axudas á rehabilitación de vivendas e inmobles, como un xeito «de apoiar a actividade económica e beneficiar á veciñanza nestes momentos de crise sanitaria, social e económica». “A pesar do confinamento, é importante adiantar esta convocatoria de axudas para que os fogares e empresas interesadas poidan ir traballando na redacción dos proxectos e así executalos coa maior brevidade cando a situación se normalice”, defendeu García.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *