O Concello confirma a gratuidade das escolas infantís

Compartir

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá nunha sesión extraordinaria e urxente o proxecto de regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís integradas na Rede de Escolas Infantís do Concello da Coruña que substituirá, despois de ser aprobado en comisión e Pleno, o vixente desde o ano 2014. O concello destina unha partida de 479.000 euros para este fin que inclúe o financiamento do 100% das prazas para as familias que estean empadroadas no termo municipal da Coruña.  

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que unha das prioridades do goberno local é «acadar unha educación infantil de calidade que permita a conciliación familiar». Xa que logo, os criterios de renda e a conciliación laboral e familiar «serán criterios relevantes para o acceso ás escolas», asegura.

Esta medida, que resulta dun acordo de goberno coa Marea Atlántica, permitirá que preto de 830 nenas e nenos que asisten ás escolas infantís municipais (Monte Alto, Carricanta, Os Cativos, Os Rosales, Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón e Luis Seoane) non teñan que pagar. Ademais, haberá un Consello de Participación para que as familias se impliquen nos proxectos que se desenvolvan nas escolas infantís.  

Na sesión de hoxe tamén se lle deu luz verde á convocatoria de subvencións para as entidades sen ánimo de lucro para promocionar e fomentar o deporte no concello.  O importe global das subvencións é de 280.000 euros. As bases estarán a disposición das entidades interesadas na sede electrónica do Concello.

O Goberno tamén acordou ampliarlle a prórroga forzosa do contrato para a xestión do Servizo público de Axuda a Domicilio (SAD II) á empresa CLECE, SA, por un prazo inicial de oito meses e un importe de 387.726 euros. 

Debido a situación de crise sanitaria provocada pola COVID-19, o Goberno municipal considera «imprescindible» que non se interrompan as prestacións domiciliarias que garantan «un servizo básico e esencial» e, por iso, decidiu prorrogar o contrato ata o 16 de decembro de 2020. Ademais, o Goberno local poderá, nos casos que resulte necesario, adoptar medidas sen atender aos procedementos habituais de contratación, e será suficiente a simple decisión facultativa para activar os servizos domiciliarios básicos. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *