O Concello afrontará a segunda parte do mandato con importantes investimentos nos barrios

O Concello afrontará a segunda parte do mandato con importantes investimentos nos barrios
Compartir

Dous anos despois da súa constitución, o Goberno local bota a vista atrás e para diante para avaliar a situación da cidade. Faino asegurando que pretende facer da Coruña «unha cidade máis igualitaria» e «con máis oportunidades» para a veciñanza. Para conseguilo, prometen investimentos en todos os barrios da cidade que xuntan un total de 50 millóns de euros.

A alcaldesa, Inés Rey fixo esta mañá xunto ao resto de edís do Goberno balance da súa xestión no Aquarium. Rey quixo aproveitar a ocasión para avanzar os seus obxectivos de cara aos vindeiros dous anos. «Non debemos centrarnos na autocompracencia polo feito, nin perder moito tempo mirando cara a atrás. É momento de mirar cara a diante e configurar o camiño que nos queda por percorrer», dixo.

A alcaldesa cualificou de esenciais os acordos alcanzados cos grupos da oposición durante a crise da pandemia, e apuntou que a súa vontade é acadar novos pactos para «construír unha cidade máis igualitaria». «É de xustiza agradecerlle á oposición a súa colaboración e apoio para afrontar os investimentos e plans máis importantes que puxemos en marcha até agora, en especial agradezo o apoio brindado desde as forzas progresistas. O apoio dos grupos do BNG e da Marea Atlántica foi esencial para poñer en marcha importantes melloras e así teño que recoñecelo e agradecelo», dixo.

Rey lembrou unha vez máis que empezou o mandato declarando que este sería o mandato do diálogo: «Diálogo co resto das forzas políticas e diálogo con outras administracións por enriba das lexítimas diferenzas», e resumiu en catro eixes as actuacións levadas a cabo polo seu Goberno durante a primeira metade do mandato: oportunidades económicas, humanización, solidariedade e diálogo.

No futuro
A rexedora quixo centrarse nos vindeiros dous anos en que o Goberno local, dixo, seguirá apostando por establecer unha nova relación entre a cidadanía e a cidade cunha nova mobilidade, unha Coruña que camiña, afondando nas peonalizacións co obxectivo de dobrar a superficie peonil ampliada nestes dous anos, ata os 45.000 metros cadrados. «Queremos unha cidade na que as rúas e prazas deixen de ser pensadas como lugar de paso para ser un lugar no que estar», dixo ao tempo que incidiu na expansión dos espazos peonís, das zonas verdes e do transporte público, coa renovación do ferrocarril, a construción da pasarela de Pedralonga, a aposta pola bicicleta como medio de transporte e a apertura de espazos libres de tráfico.

O Goberno, avanzou, traballará para acadar unha cidade máis sostible ambiental e socialmente. A Coruña será unha cidade máis verde e máis coidada, con mellores servizos de limpeza que xa están a actuar, e coa creación de novas zonas verdes, como o bosque de Feáns, que servirá tamén para revitalizar ese enclave. Afondarase na revalorización dos xardíns de Méndez Núñez e tamén do histórico xardín de San Carlos e poñerase en marcha o plan director de Santa Margarida. A pandemia serviu, dixo Rey, para nos decatarmos da importancia de contar cun espazo urbano de calidade, e niso traballaremos, como coa renovación das instalacións deportivas dos campos da Torre, a apertura do centro deportivo do Castrillón ou co campo de fútbol de Eirís.

Mais a alcaldesa lembrou tamén que a pandemia puxo de relevo a importancia de contar cun tecido asociativo forte e cuns servizos sociais de calidade. «Somos a cidade galega que máis inviste en benestar social e seguiremos a selo. Se no 2020 fomos os primeiros en presentar un PRESCO, repetiremos tamén no 2021. Os primeiros e os que máis contía destinaron a lles axudar ás cidadás e aos cidadáns», sinalou.

E, por último, a alcaldesa sinalou que a Coruña debe ser unha cidade con servizos en todos barrios. «A Coruña é unha cidade que non se entende sen os barrios que a compoñen. Por iso todo investimento na cidade ten que ser un investimento nos seus barrios», dixo. Na primeira metade do mandato executáronse obras en todos eles por 29 millóns de euros. O Goberno local ten previsto investimentos, moitos deles xa licitados, adxudicados ou en proxecto, por valor de 50 millóns de euros. Desde grandes obras como a renovación do mercado de Monte Alto, o centro xuvenil nas naves do Metrosidero, a remodelación da praza José Toubes ou a renovación da iluminación pública (máis de 21.000 puntos de luz) en toda a cidade, até outras moito máis pequenas, mais igualmente precisas, que van desde melloras na pavimentación até actuacións para favorecer a mobilidade ou renovar os parques infantís.