«Os buses son seguros»

Compartir
Autobús

O Concello da Coruña e a Compañía de Tranvías anunciaron que controlarán que se respecte a capacidade máxima permitida nos autobuses a través da monitoraxe en tempo real e do despregamento do 100% da frota.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, apuntou que o concello traballa en comunicación permanente coa Compañía de Tranvías para cumprir a normativa autonómica. A propia compañía leva a cabo unha monitoraxe en tempo real para controlar a ocupación. Villoslada asegurou que “está a despregarse a totalidade da frota ao ofrecer o 100% do servizo, cun despregamento de todos os reforzos posibles”, para minimizar a incidencia sobre as necesidades de mobilidade da cidade, que actualmente se atopa, a pesar de todo, en torno ao 60% da demanda previa a esta crise sanitaria.

O bus, espazo seguro
O concello destaca que a seguridade do transporte público está garantida «totalmente» e así o seguirá estando durante todo este período de crise sanitaria. Remitíronse ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias para sinalar que, do total dos gromos e casos notificados en España, só o 0,05% do total dos gromos se deron en transportes públicos e o 0,03% das persoas contaxiadas foron contaxiadas nestes espazos. A incidencia é presumiblemente aínda menor nun transporte público de tan curto percorrido como é o urbano.

O Concello fixo ademais un chamamento á colaboración das persoas usuarias, con especial fincapé na necesidade de utilizar a máscara en todo momento e de atender as indicacións das condutoras e condutores con respecto á capacidade e á utilización dos espazos habilitados nos autobuses. Recomenda especialmente que se ocupen todas as prazas de asento dispoñibles, para evitar a aglomeración de persoas de pé. Tamén se insta a evitar no posible as horas punta. Liñas de alta actividade como a universitaria están a reforzarse con frecuencias de 2 a 3 minutos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *