O Comité de Empresa de Alu Ibérica: «Tiñamos razón»

O Comité de Empresa de Alu Ibérica: «Tiñamos razón»
Compartir

O Comité de Empresa de Alu Ibérica valora positivamente a sentenza publicada no día de onte pola Sala do Social da Audiencia Nacional sobre a demanda de Conflito  Colectivo, que fora interposta por CCOO, UXT, USO, CIG e APC. O xuízo foi motivado polo incumprimento do ERE e do acordo de venda do Grupo Alcoa Inespal.

Para o Comité de Empresa, o fallo do tribunal é “contundente” e “vén constatar o que sempre denunciamos publicamente”: o “tremendo engano ao que esta multinacional nos someteu en todo o proceso do ERE que promocionou o 17 de outubro de 2018”. “En todo este tempo tiñamos razón”, salientan, indicando que son agora os avogados dos sindicatos os que deben analizar polo miúdo a sentenza.

Dende o Comité reclaman que a Xunta eo Goberno do Estado “tomen as rendas do noso sector e protexan a produción de aluminio primrio no noso país”. Acusan a Alcoa de querer “esnaquizar as nosas fábricas para quedar co noso mercado” e piden que o Ministerio de Industria convoque “de urxencia” a reunión con representación social prometida o pasado mes de abril. “Así mesmo seguiremos reclamando que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias en materia industrial e non se dedique a mirar só cara a Madrid para a solución que necesitamos”, aseveran.

Esta mañá as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica concentráronse diante da Delegación do Goberno de Galicia.