O Camiño Inglés, unha ruta para impulsar o turismo

Compartir

O presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, participaron onte na «Andaina Primavera no Camiño», unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación co obxectivo de reactivar a ruta como un «camiño seguro» e con todas as garantías tras o confinamento, e na que participaron todos os municipios adheridos á asociación. O grupo encabezado polo edil recorreu o camiño dentro dos límites do concello co fin de animar ás e os peregrinos a volver á ruta, insistindo na seguridade sanitaria no percorrido e nos albergues.

O concelleiro apuntou que entre as iniciativas que o concello ten previsto desenvolver para promocionar o Camiño Inglés desde A Coruña destaca a organización no mes de outubro dun press trip  para convidar a xornalistas e blogueiro/as a que coñezan esta senda xacobea, e promocionar o Camiño Inglés entre outros produtos do destino A Coruña. Esta iniciativa conta coa colaboración da Oficina de Turismo da Embaixada de España en Irlanda.

Ademais, entre o 21 e o 24 de xullo, o concello, a través do Consorcio de Turismo, colaborará nas xornadas Ecom Way Historias do Camiño, co fin de poñer en valor a comunicación 2.0 no Camiño Inglés. Dese xeito blogueiras/os gastronómicos e xornalistas farán a ruta xacobea para descubrir a súa cultura, patrimonio, gastronomía e sustentabilidade. O día 21 terá lugar un encontro no hotel Finisterre onde se analizará a importancia da comunicación dunha marca.

O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas: o itinerario desde A Coruña de 73 quilómetros e o que parte de Ferrol con 112,5 quilómetros. O Pleno da Coruña ratificou por unanimidade o pasado mes de maio a súa adhesión á asociación. O luns está previsto que o concello participe na asemblea xeral da asociación para formalizar a súa adhesión. Coa súa incorporación xa están integrados 16 dos 18 municipios polos que pasa este ramal do Camiño Inglés.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *