O BNG acusa a Feijoo de «pasarlle a factura» do novo hospital á cidade

Compartir

«Plenamente ilegal». Así cualifica o BNG a proposta de convenio da Xunta de Galicia co Concello para a construción dun novo hospital na cidade. Así se referiron a el en rolda de prensa Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita, e Avia Veira, responsable de urbanismo do BNG no Concello.

Con base nos informes técnicos da Secretaría Xeral, a Intervención e a Asesoría Xurídica do Concello, o BNG conclúe que o convenio «non é aceptable nin xurídica nin politicamente». Alertan de que o documento «non detalla as obrigas que contrae a Xunta –non di canto vai custar o hospital nin que diñeiro vai pór o Goberno galego sobre a mesa-«. Ao contrario, consideran que «despraza ao Concello tarefas que escapan do seu ámbito competencial», como conseguir o espazo para a construción.

Avia Veira considera que, xa que o hospital dará servizo a toda a área sanitaria, debe considerarse unha infraestrutura supramunicipal cuxas expropiacións previas sexan financiadas pola Xunta, non polo Concello. O convenio é, para a edil do BNG, «abusivo», xa que a esixencia económica que fai ao Concello -22,2 millóns de euros- «excede con moito a súa capacidade económica». Asinar estte documento poría «en risco a estabilidade financeira» da institución, alertan os nacionalistas.

Dado que o convenio tamén recolle excencións fiscais para centros do SERGAS na cidade, o custe final sobardaría amplamente os 22,2 millóns de euros achegados polo Concello. Veira reivindicou que calquera exención fiscal se someta ao criterio do Pleno, sendo o contrario «irregular dende o punto de vista legal».

O BNG considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, «como acostuma facer, despraza as súas responsabilidades cara outras administracións» e «tamén a factura».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *