A Coruña estrea web pensando nos smartphone

Compartir
O concelleiro de Réxime Interior, José Manuel Lage. Fotografía: Concello da Coruña

O Concello da Coruña estrea páxina web e faino buscando integrar nun único portal todas as webs municipais. O novo sitio web ten un deseño «máis moderno, sinxelo e intuitivo» con especial coidado pola accesibilidade desde dispositivos móbiles, xa que «máis do 50% dos coruñeses e coruñesas acceden á web a través do seu smartphone», segundo datos da institución.

A nova web conta con espazos dedicados á mobilidade, aos deportes e aos espazos públicos e infraestruturas. Outros dos servizos incluidos son os visores do planeamento urbanístico e de avisos de incidencias en navegador web e móbil.

O concelleiro de Réxime Interior, José Manuel Lage, prometeu unha nova época en que “a web se converte na segunda porta de entrada a María Pita”. Que ao final do mandato o 50% da cidadanía realice os seus trámites de maneira telemática é o obxectivo ao que o executivo socialista aspira. Neste sentido, Lage considerou que a nova web debe «permitir á cidadanía, no menor tempo posible, facer xestións e atopar a información que busca, e ninguén debe quedar fóra», grazas a unha estratexia de «remover obstáculos e desigualdades a través da tecnoloxía». O Concello lembra que «unha media de 9.930 usuarios utilizan a web cada día», sendo a mobilidade, a tarxeta Milllennium, os avisos de tráfico, e a estación de autobuses os principais temas de interese. O executivo confía en alcanzar durante este mandato as 13.000 persoas usuarias diarias.

A nova web é «o arranque dun Plan de Mellora Continua da Calidade da Comunicación» o Goberno se fixa para os vindeiros anos. A tal efecto, todas as páxinas levan un formulario feedback para que as persoas usuarias poidan suxerir melloras ou comunicar erros. «Non buscábamos un simple cambio estético, senón dar un primeiro paso de cara ás próximas fases que imos acometer», explicou Lage.

Entre os futuros retos atópanse a mellora da usabilidade da sede electrónica sede.coruna.gob.es (EIDUS), da oficina virtual tributaria, do sistema de presentación e consulta de avisos, queixas e reclamacións, da evolución do portal de mobilidade, así como o progreso no portal web de transparencia e novo portal de datos abertos (RED.ES Cidades Abertas) e no portal de Deportes coa información de carreiras populares e a reserva das instalacións deportivas a través da web.

Proceso participativo
A renovación da web fíxose a través dun estudo da usabilidade que incluiu enquisas á cidadanía, expertos e persoal municipal para identificar as necesidades concretas. Preto de 11.900 persoas participaron reflectindo os seus intereses. Cos resultados fíxose un redeseño das seccións con máis demanda. como o asistente de temas ou a axenda de lecer.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *