‘Ninguén atrás’ para que o ensino non pare

Compartir

O vindeiro martes as familias con fillas ou fillos que cursen calquera das etapas da ensino escolar poderán chamar ao 981 184 294 para lle trasladaren ao concello as súas dificultades e poderen acceder ao material didáctico e aos recursos dixitais.

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que o Goberno local «non vai deixar a ninguén atrás ante esta situación e poñerei todos os medios ao meu alcance para dotar de recursos escolares a todo o alumnado que o necesite e mesmo material informático para a rapazada máis desfavorecida». Para dotalos deste tipo de material dixital, o concello deberá contar cun informe pertinente do departamento de Servizos Sociais que acredite a situación de vulnerabilidade das persoas demandantes.

O Concello da Coruña, a través das Concellerías de Benestar Social e de Educación e coa colaboración do voluntariado que está a prestar axuda en diversas actuacións durante esta crise sanitaria pretende distribuír coa campaña «Ninguén atrás», e na medida do posible, as leccións da casa ou diverso material didáctico, entre as pequenas e pequenos que non dispoñen de Internet e que até o de agora non puideron facer as súas tarefas, ou as realizaron con dificultades, durante o confinamento.

O programa está dirixido a todas e todos aqueles estudantes de calquera dos ciclos escolares que carecen de recursos dixitais para accederen aos seus materiais formativos.

Desde a Concellería de Educación solicitaranlles aos cadros directivos dos colexios que lles faciliten os datos para que as/os traballadores do CMIX, que atenderán as chamadas, poidan coordinar os materiais/recursos e repartilos nos seus domicilios. Desta maneira, este programa nace da coordinación das dúas concellerías co fin de solucionaren un problema que afecta a moitas/os escolares da cidade que «non poden quedar atrás por non teren recursos dixitais nos seus domicilios».

O concello non permitirá que as e os escolares coruñeses, especialmente as/os das familias sen recursos, non continúen coa súa aprendizaxe nuns momentos tan complicados coma estes pola súa situación socioeconómica. O concello coñece a preocupación das e dos directores e profesorado da cidade por este tipo de casos en que a falta de medios provoca que o alumnado non poida realizar as súas tarefas ou proseguir cos seus estudos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *