La Solana será pública

Compartir
Fotografía: Concello da Coruña

O pleno ordinario do 16 xaneiro serviu, máis alá de para recoñecer a importancia da figura de Arsenio Iglesias na historia da cidade e do seu equipo estrela, para poñer sobre a mesa e avanzar sobre vellas problemáticas. É o caso da modificación definitiva do PXOM para alterar a cualificación do solo do complexto deportivo de La Solana. Todos os grupos apoiaron co seu voto unha nova configuración que converte la Solana en solo dotacional público.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que a titularidade do solo foi sempre pública e que o cambio que se levou a cabo no PXOM do 2013 foi «un erro do PP» que supuxo «a tramitación de innumerables informes innecesarios». O edil quixo salientar que a modificación é «un símbolo da defensa do interese público» e que o Concello traballa por devolver «á cidadanía os terreos de La Solana». Para Díaz Villoslada, trátase de defender o principio xurisprudencial de «non regresión». O Goberno local condiciona a futura venda do solo onde se sitúa o complexo deportivo e non renuncia a que o Concello volva adquirir o solo. Comprometeuse a que esa adquisición futurible sexa feita mantendo o seu uso deportivo. En coherencia co anterior, o responsable da área de Urbanismo apelou ao diálogo entre administracións para transfomar a fachada marítima da cidade, con esta á cabeza do proxecto.

Despedida de Beatriz Mato
O Pleno ordinario serviu tamén para proceder á aceptación da renuncia de Beatriz Mato como concelleira polo Partido Popular. A candidata popular nas últimas eleccións, ata agora voceira municipal e presidenta do PP local recibiu palabras de agradecemento e desexos de boa sorte por parte de todos os grupos. A alcaldesa, Inés Rey, manifestou que «fora un orgullo competir con ela, Xulio Ferreiro e Francisco Jorquera nas eleccións nunha campaña limpa e ilusionante» e desexoulle que «recupere o tempo que a política nos rouba de estarmos coas nosas familias».

Outros asuntos
O Goberno Local creará no segundo semestre do ano 2020 un banco de instrumentos para facilitar que a mocidade que desexe iniciarse nos estudos musicais poidan facelo independentemente da súa renda familiar, nunha iniciativa en que coincidiu con Ciudadanos. Este servizo, apuntou o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, responde «á aposta dos socialistas por achegar a musica os nenos e as nenas da cidade».

A ampliación da terminal de pasaxeiros de Alvedro, a reforma do plan director e a instalación de dous novos fingers no aeroporto foi outro dos asuntos do pleno defendidos por Ciudadanos, con adición dunha enmenda da Marea Atlántica e do PP. A concelleira de Turismo, Diana Sobral, sinalou que as novas demandas e a situación do aeródromo, cun tráfico de 1,3 millóns de pasaxeiros, fai necesario ampliar a terminal e os servizos do aeródromo.A edil descartou que a chegada do AVE comprometa o futuro das infraestruturas.

A política estatal marcou o pleno con sendas mocións de PP e Ciudadanos. Nelas, estes partidos criticaban a política de alianzas do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, co independentismo. Ningunha delas prosperou e o voceiro socialista lembrou «que calquera intento de facer alarmismo social está condenado ao fracaso» e mostrou a súa satisfacción polo acordo entre BNG-PSOE: «é bo para Coruña e para Galicia». Lage Tuñas animou ao PP a regresar «ao centro da vida política e respectar o resultado das urnas».

Unanimidade nas propostas do BNG
Os nacionalistas presentaron varias demandas para trasladar ao Goberno central que acadaron o apoio unánime do Pleno. O grupo do BNG reclamou a constitución dun Consorcio que se ocupe do deseño da nova fachada marítima da cidade, así como a aprobación dun Estatuto das Industrias Electrointensivas -xunto á Marea Atlántica neste caso- e a creación dunha tarxeta moedeiro que non estigmatice ás persoas en exclusión social. O Goberno coruñés xa anunciou que «reclamará o mesmo trato que Valencia en relación á condonación da débeda pola construción do porto exterior». Somos socialistas, recalcou Lage, pero somos representantes da cidadanía da Coruña ao tempo que defendeu o legado dos gobernos do PSOE na Coruña «coas súas inmensas luces e algunhas sombras».

A moción de Marea reclamando á Xunta que cubra as prazas vacantes nos centros de planificación do Ventorrillo e Orillamar e ao Goberno Local a implementar un novo servizo de atención inmediata no Centro de Información á Muller foi respaldada por todos os grupos. Tamén se acordou convocar a comisión prevista na ordenanza de Igualdade e ao Consello de Información á Muller.

Nunha segunda moción, cunha enmeda do PP e o respaldo de toda a Corporación, Marea instou a Consellería de Industria a sentar a concretar medidas co comité de empresa de Elaborados Metálicos Emesa que servan para solucionar o conflito laboral existente na empresa e garantir os postos de traballo. A concelleira de Industria lembrou que a situación de Emesa é un reflexo máis da «emerxencia industrial que vive Galicia» e reclamoulle á Xunta máis axudas ao tecido empresarial para impulsar a competitividade e a innovación nas empresas.

O Pleno tamén aprobou, coa abstención de PSOE e BNG, a moción dos populares relacionada coas melloras na accesibilidade vertical mediante a instalación de escaleiras mecánicas en distintos puntos da cidade. A mellora da accesibilidade e mobilidade universal é un dos eixos do traballo do Goberno local que traballa en melloras da mobilidade en Adelaida Muro, Club do Mar, avenida da Concordia, sinalou Villoslada.

Por último, todos os grupos acordaron reclamarem «xuntos» as inversións moitas veces demandadas pola Coruña e a súa área metropolitana, como a remodelación de Alfonso Molina ou a ampliación da Ponte da Pasaxe. A iniciativa, que partiu dunha moción do PP, foi enmendada polos grupos do PSOE, Marea Atlántica e BNG, quen criticaron aos populares pola «súa falta de coherencia», xa que durante os gobernos de Rajoy e baixo a presidencia de Feijoo na Xunta «a cidade foi deixada de lado». O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que orzamentos da Xunta para a cidade son «unha tomadura de pelo» e insistiu «na falta de lexitimidade do PP para presentar a moción».

Villoslada tamén sinalou que os orzamentos de 2019 que non foron adiante non eran discriminatorios coa cidade, porque incluían unha importante inversión no eido social para as coruñesas e os coruñeses. Os socialistas incorporaron á moción a reclamación da transferencia da AP-9 ao longo do 2020, a inclusión da autoestrada nos esquemas de compensación para a rebaixa das peaxes que se poñan en marcha para as concesións de longo prazo, actuacións sobre a rede ferroviaria de mercadorías (Corredor Atlántico) presentando proxectos que permitan acceder a fondos europeos, así como o impulso ao saneamento e rexeneración das rías galegas coa recuperación da Ría do Burgo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *