Isabel Zendal xa ten a súa estatua

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, inauguraron esta tarde xunto a outros membros da Corporación a escultura de Isabel Zendal na rúa Victoria Fernández España, que se abriu hoxe tras a súa peanolización cun acto en que tamén participou Cristina Naveira Abeigón, presidenta do Club de Leones Decano La Coruña. A institución encargoulle a peza a Francisco Escudero para homenaxear así á primeira enfermeira no mundo que participou nunha expedición sanitaria internacional. Rey afirmou que esta imaxe recordaranos que «houbo unha ocasión na que, desde A Coruña, coa valentía e a determinación dunha muller, como tantas, coidando dos máis cativos, unha expedición científica aportou á saúde pública un dos seus fitos históricos máis relevantes».

A rexedora sinalou que «a busca actual das diversas tipoloxías de vacinas fronte á COVID-19 non dista tanto do esforzo de Isabel Zendal ao coidado deses cativos cos que viaxou» para se converter na orixe da erradicación dunha enfermidade daquela tanto ou máis letal que a que causa este coronavirus. A alcaldesa lembrou que o busto desta muller valente poderase desfrutar «nunha rúa á que lle dá nome outra muller igual de valente, Victoria Fernández España, que defendeu a golpe de pluma e coa súa voz a cultura e a lingua galegas».

Ambas as coruñesas teñen unha lembranza na rúa en que a cidadanía recupera espazo para o seu goce e convivencia grazas a unha actuación que se enmarca dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Rey engadiu que tras os traballos, esta vía estrea mobiliario e metros cadrados «para que a transitemos a pé e non en coche» e que, dalgún xeito, simboliza ao que quere este Goberno local para A Coruña: «Espazos que contribúan a mellorar a nosa percepción da cidade e xeren escenarios nos que se constrúa a interacción social plural». Trátase de ofrecer unha mobilidade cada vez máis sustentable en termos ambientais, que potencie os desprazamentos andando, en bicicleta e en transporte colectivo e que reserve o vehículo privado para os lugares e os traxectos que o fagan compatible cunha cidade respectuosa coas persoas.

Pola súa parte, a responsable do Club de Leones Decano La Coruña, Cristina Naveira, agradeceulles a todas as entidades colaboradoras a súa contribución para que a iniciativa se realizase e destacou que a figura «entregada» de Zendal recordaranos que renderse non é unha opción e que as novas enfermidades serven de estímulo para a investigación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *