Inés Rey pide á cidadanía quedar na casa e lembra os servizos municipais

Compartir

Reproducimos integramente o comunicado da alcaldesa, Inés Rey, distribuído hoxe polo Concello á prensa.

Bo día a todas e todos. Diríxome a vós, coruñesas e coruñeses, en primeiro lugar, para darvos as grazas por todo este esforzo tan grande que estades a realizar co fin de evitar a propogación do coronavirus.   Quero desde aquí mandarvos unha mensaxe de tranquilidade. Estamos nun punto en que o avance da enfermidade depende de nós. Por iso, creo que é esencial que sigamos todos os consellos que nos están dando tanto do Ministerio de Sanidade como do Sergas.   

É fundamental nestes momentos que nos quedemos na casa por nós e polos nosos. Tratade pois de serdes pacientes porque facendo caso ao que nos din as fontes oficiais, a crise deste Covid-19 rematará antes e, o máis importante, rematará mellor. Necesitamos de vós para frearmos esta pandemia e sei que A Coruña responderá a esta chamada porque sempre o fixo así.   

Quero dirixirme, en especial, á poboación máis sensible, ás persoas de idade avanzada e que teñen patoloxías crónicas, a todas e todos eles quero darlles moito ánimo e moita paz. Tratade de ter o menor contacto posible con familiares e acudide a elas/eles nada máis que en casos excepcionais porque non queremos que vos contaxiedes e a única forma de evitalo é diminuíndo a vida social. Quedando no domicilio estámoslle pechando as portas tamén a este virus. Sodes a poboación máis vulnerable e por iso, estamos traballando desde a Concellería de Benestar Social para que non quededes illadas/os.  

Poñemos a vosa disposición o teléfono 010 para que nos comuniquedes as vosas necesidades. Se sodes persoas dependentes, se estades soas/sós ou a vosa mobilidade é reducida, non saiades á rúa. Chamádenos porque xa son máis de 500 as persoas voluntarias que se encargarán de ir un por un a todos os domicilios en que precisedes axuda. Os que estades xa en programas de asistencia, estades cubertos, pero os que non e necesitedes que vos asistan, chamade ao 010.  

Desde aquí, quero agradecer á concellería de Benestar Social pola cadea humana que está coordinando e ás persoas profesionais deste campo o labor que realizades estes días e a humanidade que vides demostrando e máis agora, cando estades desbordadas e desbordados. Tamén quero estender o meu agradecemento ás 530 coruñesas e coruñeses que vos apuntastes para axudardes os demais. Non pode haber un xesto máis bonito que este nestas circunstancias.   

Ás nenas e nenos desta cidade, quero dicirvos que teñades moita paciencia, que todo pasa e que tedes que facer caso as vosas nais e pais que tanto vos queren.

Por último e non menos importante, quero darlle as grazas a todo o persoal sociosanitario, médicas e médicos, enfermeiras e enfermeiros, celadoras e celadores… auténticos heroes e heroínas con bata que con tanto cariño están coidando dos nosos; ás caixeiras e caixeiros dos supermercados que tan expostas/os están á enfermidade e ás/aos profesionais dos corpos de seguridade desta cidade que están dando cobertura para que todas e todos respondamos como sociedade e quedemos na casa.

Grazas pola vosa comprensión e estaremos informando en todo momento das novidades que se produzan. Tede por seguro que faremos o que poidamos para que este confinamento sexa o máis fácil posible para todas e todos.   

Inés Rey

Alcaldesa da Coruña          

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *