Inés Rey celebra a decisión da Audiencia da Coruña de investigar os policías que detiveron a Álex Bergantiños

Compartir

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebra a decisión da Audiencia Provincial da Coruña para que se investiguen os dous axentes de policía pola presunta detención ilegal do xogador do RC Deportivo, Álex Bergantiños, o pasado 5 de agosto.

Tras coñecer o comunicado da Audiencia en que se ordena tomarlles declaración aos dous funcionarios do Centro Nacional de Integridade no Deporte e Apostas (CENDIPA) a rexedora reiterou que «o vivido na Coruña no Caso Fuenlabrada foi unha situación que cualificou de inaudita e vergoñenta».

«Álex Bergantiños é un exemplo de integridade persoal e de bo facer deportivo e oxalá moitas persoas do mundo do deporte tivesen a  súa honestidade e integridade», sinalou Rey.

A alcaldesa manifestou a súa incredulidade ante o feito de que Bergantiños fora detido por axentes chegados de Madrid cando «as persoas que puxeron en risco a todo un equipo de fútbol e a toda unha cidade, incumprindo os protocolos sanitarios, e que ademais asumiron persoalmente a responsabilidade da viaxe nesas condicións, son as que deberían ter declarado ante a xustiza e non o capitán do Deportivo».

Así, Rey asegurou que mentres ela estea no Concello, «o Goberno local fará todo o posible para se depuren as responsabilidades do caso Fuenlabrada» e reiterou o seu «apoio a Álex Bergantiños e a todo o plantel do Dépor».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *