Arrincan as Zonas 10

Compartir

Hoxe ás 20.00 h comezará a estar operativa a «Zona 10» naquelas rúas da cidade que teñan un único carril dun sentido, en que os vehículos deberán manter unha velocidade máxima de 10 km/h para lles dar prioridade ás peoas e aos peóns. Inicialmente, o horario anunciado pola alcaldesa o pasado mércores en rolda de prensa era de 20.00 a 23.00 h todos os días da semana pero, tras estudarse este operativo e co fin de facilitar a mobilidade peonil en todos os barrios da cidade, o horario amplíase os sábados e domingos tamén na franxa de 6.00 a 10.00 h.

A iniciativa «Zona 10», que se inclúe no proceso de desescalada municipal, ten como obxectivo ampliar os espazos peonís para facilitar que os paseos da veciñanza e a práctica da actividade física permitida para a poboación entre 14 e 70 anos se realicen coa distancia de seguridade esixida.

O concello instalará carteis informativos en todos os barrios da cidade para que a veciñanza recoñeza as rúas consideradas como «Zona 10». As pantallas de tráfico tamén informarán desta nova medida municipal de mobilidade.

Desde o concello recoméndase evitar circular por este tipo de rúas nas franxas horarias especificadas, salvo que sexa necesario por traballo ou residencia habitual. En todo caso, os vehículos non deberán exceder a velocidade máxima de 10 km/h e deberán respectar a prioridade peonil. Tamén lles aconsellamos aos peóns e peoas que circulen por estas rúas que, na medida do posible, se despracen no sentido da marcha.

Ademais, o concello anuncia que o tramo do Paseo Marítimo que vai desde a rotonda da travesía dos Rosales coa avenida Gerardo Porto até o Portiño será peonil todos os días da semana e, polo tanto, estará cortado ao tráfico rodado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *