O Sergas busca o mapa galego de COVID-19

Compartir

Definir a «auténtica dimensión» da epidemia galega, dentro da pandemia xeral, de COVID-19. Ese é o obxectivo xeral do estudo epidemiolóxico que o Servizo Galego de Saúde comeza a realizar hoxe e que desenvolverá en dúas ondas de test, coa segunda prevista para dentro de catro semanas. O Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. A mostra do estudo é froito da colaboración co IGE (Instituto Galego de Estatística).

Esta análise xeral do Goberno autonómico ten, estritamente, tres metas concretas. A primeira delas é estimar a inmunidade desenvolta fronte ao coronavirus COVID-19 en cada concello de Galicia. A segunda, definir a súa repercusión tendo en conta o sexo e a idade dos afectados. A terceira, a monitorización da evolución da epidemia.

Nesta primeira vaga, o IGE seleccionou un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que comprenden todas as comarcas galegas. A continuación, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase. No caso da Coruña, realizaranse 3.500 probas nesta primeira fase. No resto das grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol. 

Será o Sergas quen se encargue de realizar estes test e de recoller a información que proporcionen. Dende hoxe está a citar a cada unha das persoas que o IGE escolleu aleatoriamente. O labor do Instituto será enviar o listado coas persoas seleccionadas a cada un dos centros de saúde das áreas territoriais da análise. O contacto para concretar as citas para as probas será telefónico, cunha chamada a cada persoa seleccionada. Logo de realizárselles unha enquisa concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado. A toma da mostra obterase cunha punción dixital que, logo de ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non. As probas faranse no domicilio no caso de persoas sen mobilidade, como pacientes encamados. O resultado da proba obtense no mesmo día e comunícase, novamente, por vía telefónica.

Unha mostra «representativa»
A mostra do IGE pretende debuxar de xeito veraz un mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. A poboación susceptible de integrar esa mostra de investigación será o conxunto de persoas que teñan a tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde, escollidas dun xeito aleatorio. Grazas a elas poderase estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais, a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo. O Sergas defende que «o estudo epidemiolóxico permitirá ter unha visión máis nítida e ampla da COVID-19 en Galicia», permitindo «adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas», así como adiantarse a potenciais contaxios. Para o Servizo de saúde, a metodoloxía empregada para definir a mostraxe do IGE «garante a representatividade» da COVID-19 en Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *