Peche de 14 días nas actividades e espazos públicos

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, compareceu este mediodía acompañada de toda a corporación local, para transmitir unha mensaxe de tranquilidade e de prevención á cidadanía e dar conta das medidas adoptadas polo concello de cara a evitar o contaxio do maior número posible de persoas por coronavirus. Seguindo as intrucións da Xunta e o goberno do Estado, pecharanse as escolas infantís de titularidade pública desde o luns e nun prazo mínimo de dúas semanas, ademais de todas as actividades organizadas polo concello no eido educativo. Canto aos eventos deportivos, a rexedora anunciou a suspensión de todas as competicións e adestramentos que dependen e teñen lugar en instalacións municipais, así como o peche desde hoxe mesmo dos centros cívicos e a cancelación de toda a programación que se desenvolve neles. Neste punto, advertiu que «é posible que nas próximas horas determinemos a apertura dalgún destes centros cívicos para realizar distintas tramitacións».

Os museos, bibliotecas, casas museo e calquera outro espazo de carácter municipal quedarán igualmente inoperativos nos seguintes 14 días. No referente ao transporte público, habilitarase unha entrada directa dos autobuses na estación para evitar o confinamento e que as pasaxeiras e pasaxeiros poidan adquirir o ticket xa no propio autocar. No caso dos centros sociosanitarios CIM (Centro de Información ás Mulleres), COF (Centro de Orientación Familiar) e SAI (Servizo de Atención Inmediata), o concello ofrecerá un servizo especial para atender a demanda das persoas usuarias.

Pola contra, os mercados municipais non cesarán a súa actividade e distribuiranse entre as praceiras e praceiros unha serie de medidas de autoprotección para que a compra-venda se realice con total seguridade tanto para elas e eles como para a clientela.

Rey falou do aprazamento dos distintos espectáculos previstos para esta fin de semana como a actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia a escolares e a de Brothers in Band no Pazo da Ópera e as obras de teatro «Nekrassov», no teatro Rosalía, e «Unha noite na praia», no Colón. Ademais, os concertos que Ara Malikian e Chayanne tiñan programados no Coliseum nas vindeiras semanas pospóñense aos meses de outubro e setembro, respectivamente, polo que as persoas que non poidan asistir ás segundas datas que se ofrezan terán a opción de recuperaren os cartos das localidades.

O concello celebrará mañá unha sesión plenaria de portas pechas, polo que a alcaldesa sinalou que as e os xornalistas e o público en xeral poderán seguilo en streaming a través da web no concello. Nesta páxina tamén se reservará un apartado para ter en todo o momento informada a poboación: «o Goberno local seguirá mantendo novas reunións por se fose necesario ampliar estas medidas, determinacións que foron xa comunicadas ao resto de grupos políticos».

Pola súa parte, o concelleiro de Réxime Interior, José Manuel Lage, informou da reunión desta mañá do comité de seguridade e saúde laboral para establecer un plan de prevención laboral co fin de combatir a propagación do coronavirus entre as persoas funcionarias, persoal laboral municipal e o conxunto de empregadas/os das empresas concesionarias. Neste aspecto, indicou que non quedará ningún servizo de carácter esencial sen prestar á veciñanza e canto ás viaxes e ás reunións internas, realizaranse de forma excepcional e terán que ser autorizadas pola Concellería de Réxime Interior e por Alcaldía.

Desde o concello, fan un chamamento ás e aos coruñeses para que só acudan fisicamente aos rexistros municipais se é imprescindible co obxectivo de evitarmos as aglomeracións: «O comité de seguridade seguirá reuníndose diariamente alomenos mentres continúe esta situación». Así mesmo, explicou que se adoptaron decisións para que o persoal directivo, en caso de que esta crise se alongue, poida traballar a distancia: «cando se fala de teletraballo, trátase de garantir que os cadros directivos e os xestores poidan desenvolver as súas tarefas habituais co fin de garantiren o funcionamento do concello».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *