Entrega dos Premios Isabel Zendal para potenciar o pensamento crítico dos máis novos

Entrega dos Premios Isabel Zendal para potenciar o pensamento crítico dos máis novos
Compartir

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Celemín, e Manuel Francisco Herrador Barrios, socio de número e membro da xunta directiva do Círculo Escéptico, entregaron hoxe no Paraninfo da Reitoría, os premios Isabel Zendal de Promoción do Pensamento Crítico en Educación Secundaria e Bacharelato, que convocan conxuntamente a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC e o Círculo Escéptico. Ao acto asistiu tamén a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina Villar, e a directora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya.

O concurso ten como obxectivo fomentar a práctica do pensamento crítico e racional especialmente entre a xuventude coa redacción dun artigo periodístico, exposición divulgativa dun experimento desenvolvido polo alumnado, un conto ou un relato curto. Os traballos integrarán os valores do pensamento escéptico e científico, a difusión do coñecemento, a ciencia e os seus métodos e a refutación das pseudociencias, así como a loita contra a difusión de enganos e noticias falsas.

Participa alumnado en dúas categorías; a primeira, estudantado de 1º a 3º de secundaria e FP básica; e a segunda, de 4º de secundaria a 2º de bacharelato e ciclos formativos de grao medio. Establécense tres premios: 300, 200 e 100 euros en cada categoría, ademais da edición dun volume cos relatos premiados.

No acto desta mañá entregáronse os premios da segunda e terceira convocatoria dos premios Isabel Zendal pois o pasado ano non se puideron entregar debido ás limitacións impostas pola pandemia da Covid-19. Ademais de recoller os premios, o alumnado galardoado coa máxima distinción de cadansúa convocatoria fixo unha lectura dos seus traballos. O evento contou coa intervención da química e divulgadora científica Déborah García Bello quen deu unha charla moi militante e de defensa do coñecemento científico para combater a desinformación e as fake news, así como avogou polo consenso científico.

Pola súa banda, o reitor abundou no discurso de García Bello e animou ao alumnado a seguir cuestionándose as cousas e sendo persoas críticas, “cunha crítica construtiva que é a que fai avanzar a ciencia”.

 

Premiados III edición, ano 2021:

Santiago Vilas Subirán, 1º da Categoría A. IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Lucas Castro Cano, 2º da Categoría A. IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Andrea Valentina Suleimán Casalderrey, 3º da Categoría A. IES Ramón Otero Pedrayo

 

Manuel Dopico Caneiro,1º da Categoría B. IES Concepción Arenal, Ferrol

David Feijoo Villar, 2º da Categoría B. CPR Santiago Apóstol – Narón

Raquel González Calvo, 3º          da Categoría B. IES Plurilingüe Adormideras

 

Premiados II edición, ano 2020:

Lucas Castro Cano, 1º premio da Categoría A. IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Yolanda Rey Chenlo , 2º premio da Categoría A. IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Icía Amboage Maneiro, 3º premio da Categoría A. IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

 

Iván Villar Laredo, 1º premio da Categoría B. Colexio Santa María del Naranco-Alter

Jaume Reus Bennàssar, 2º premio da Categoría B. IES Guillem Cifre de Colonya

Pablo Mosquera Pena, 3º premio da Categoría B. Colexio Internacional Eirís

Claudia Hernández Suáñez, Accésit. Colexio Internacional Eirís