Emalcsa aposta polo deporte para a inclusión

Compartir

María Pita acolleu esta mañá a sinatura dos convenios coas entidades deportivas seleccionadas na VII convocatoria de «Deporte Solidario e Inclusivo», promovida pola Fundación EMALCSA para impulsar a inclusión social a través do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, da súa vicepresidenta, Yoya Neira, da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, do director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e do director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, así como das persoas representantes das entidades.

A fundación subvenciona o desenvolvemento de 23 proxectos que teñen como obxectivo fomentaren o deporte para a integración de colectivos en risco ou en situación de exclusión social. En total, destínanse 250.000 euros a 23 entidades que lles dan emprego a 312 traballadoras/es e mobilizan a 372 persoas voluntarias.

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que este programa «manifesta o noso compromiso e o da fundación coa igualdade de oportunidades, coa integración social e o fomento do deporte base, e no contexto que estamos a vivir pola pandemia serve para mitigar o impacto negativo da crise económica no tecido social e deportivo da cidade».

Antonio Dubra, en representación das entidades, agradeceulle ao concello o seu labor na inclusión das persoas vulnerables, mentres que o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, destacou o carácter solidario das coruñesas e dos coruñeses e deulles os parabéns ás 23 entidade elixidas e á Fundación Emalcsa pola a súa implicación e profesionalidade no desenvolvemento do programa.

Esta convocatoria mantén a vocación do programa de lle dar prioridade á dimensión social e inclusiva das iniciativas presentadas e, por iso, valora a creación de vínculos con entidades especializadas na atención a colectivos vulnerables.

O obxectivo global de beneficiarios da convocatoria supera as 11.000 persoas beneficiarias, de acordo coas estimacións presentadas polas entidades para os seus proxectos correspondentes. Nesta cifra, inclúese a oferta de máis de 290 prazas para gozar de forma gratuíta de diversas actividades deportivas, destinadas principalmente a nenas e nenos derivados polos profesionais vinculados aos Servizos Sociais Municipais. Para levaren a cabo os proxectos, as entidades deportivas contarán coa colaboración de organizacións sociais especializadas na atención dos colectivos beneficiarios dos proxectos.

Con esta convocatoria, o investimento total do programa «Deporte Solidario e Inclusivo», que conta coa colaboración de Gadisa para o impulsar e desenvolver, ascende desde que foi creado a 1.750.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *